Xa está dispoñible barbanzaecosocial.org, a plataforma online do Laboratorio Ecosocial do Barbanza

Desde o venres 5 de junio de 2020, xa está dispoñible a páxina web barbanzaecosocial.org, plataforma online do proxecto Laboratorio Ecosocial do Barbanza.

Qué é o Laboratorio Ecosocial do Barbanza?

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza é unha iniciativa promovida pola Fundación Rede de Innovación Arousa (RIA) en colaboración co grupo de investigación HISTAGRA da Universidade de Santiago de Compostela, grazas ao financiamento da Fundación Banco Santander e ao apoio da Cátedra Juana de Vega.

O proxecto ten unha duración de dous anos e pretende dar visibilidade e apoio a aproveitamentos do territorio que contribúan á súa sustentabilidade, pero non só ambiental, senón tamén social e económica. En última instancia, preténdese demostrar que son posibles e desexables modelos de protección que favorezan o desenvolvemento de prácticas agrogandeiras e forestais sustentables e innovadoras.

Para alcanzar este obxectivo, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza centra a súa actividade en tres áreas da península do Barbanza: os montes Barbanza, Enxa, Xian, Dordo, Costa de Abaixo e Ou Sobrado, xestionados pola Comunidade de Montes veciñais en Man Común de Baroña, no concello de Porto do Son; o monte de Froxán, xestionado pola Comunidade de Montes veciñais en Man Común de Froxán, no concello de Lousame; e por último as brañas de Laíño, en Dodro.

A ubicación das tres áreas de estudo na península do Barbanza

Tras este primeiro ano, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza concluirá coa elaboración dun Atlas de Aproveitamentos Sustentables, un recompilatorio de saberes históricos e actuais, no que se avalíen as prácticas de aproveitamento do territorio segundo criterios de sustentabilidade e innovación. O segundo ano, esperamos poder impulsar prácticas que cumpran con estes criterios mediante apoio técnico e económico.

Actividades desenvolvidas nos últimos meses

Entre os meses de xaneiro e marzo, con anterioridade á situación extraordinaria que estamos a vivir, a Fundación RIA e o grupo de investigación HISTAGRA, avanzamos na fase de toma de datos do proxecto, realizando saídas de campo, máis dunha quincena de entrevistas a habitantes de Baroña, Froxán e Laíño; e visitas aos arquivos dos tres municipios.

1_Salida de campo 1
Saída de campo do equipo do proxecto para coñecer mellor a serra do Barbanza da man do xeógrafo Luis Guitián Rivera
3_Visita archivo Dodro 3
Fran Quiroga e David Fontán (HISTAGRA) procuran información sobre aproveitamentos pasados no arquivo municipal de Dodro

Tentamos que a maior parte das persoas entrevistadas fosen maiores de 70 anos, para que a través dos seus recordos ou os que os seus pais transmitíronlles, puidésennos falar dunha época na que no monte realizábanse unha grande variedade de actividades, todas elas interrelacionadas. A través destas persoas, estamos a aprender moito sobre usos e procesos, coñecendo que aproveitamentos agrogandeiros e forestais realizábanse nestes lugares, cales deixaron de levarse a cabo e que dificultades impediron a súa continuidade. Tamén estamos a entender mellor as relacións que se daban entre distintas partes do territorio e identificado patróns que se repiten nas tres localizacións. Coñecer o pasado destas comunidades e entender as lóxicas que as facían sustentables e autosuficientes é clave para promover a súa reactivación e deseñar estratexias de futuro.

Laiño 6
Entrevista a Rosaura Eiras Rial, María González Rodríguez, Manuel Iglesias Rial e María Dolores Vigo Susavila, veciños de Bexo (Dodro)
2_Entrevista 3
Entrevista a José Boo Romero, Carmen Rodríguez Deán e Antonio Boo Romero, veciños de Baroña (Porto do Son)

A principio de marzo, a crise sanitaria obrigou a interromper o traballo de campo e as entrevistas. Pronto esperamos retomar este labor realizando entrevistas a persoas máis novas que nos poidan falar dos usos que levan a cabo no monte hoxe en día e cales son os retos que afrontan no desenvolvemento das súas actividades. Desde o mes de marzo, o grupo de investigación HISTAGRA filtrou toda a información recompilada nas entrevistas (que poderán ser consultadas no arquivo dixital Terra e Memoria), organizándoa en base a temas, como a produción, o manexo agrogandeiro e forestal, a comercialización, a gobernanza comunitaria ou a identidade e cultura. Con todo este traballo como base, elaboráronse 9 artigos que xa están dispoñibles a través da sección Investigación da páxina web do Laboratorio Ecosocial do Barbanza.

Periodicamente, publicaremos novos artigos elaborados polo propio equipo do proxecto ou por expertos convidados de tal modo que a páxina web poida converterse nun lugar do encontro de múltiples voces.

A páxina web barbanzaecosocial.org

A páxina web do Laboratorio Ecosocial do Barbanza diríxese a un amplo abano de visitantes e lectores. En primeiro lugar, ás persoas próximas ás áreas de estudo, que recoñecerán grande parte das prácticas que se mencionan e que levaban a cabo na súa contorna. O contido tamén está dirixido á comunidade científica, que esperamos que atope no Laboratorio Ecosocial do Barbanza un repositorio de información baixo o que poder desenvolver futuras investigacións e proxectos. Por último, ás administracións públicas e a entidades privadas relacionadas coa planificación do territorio, para facilitarlles claves que lles permitan impulsar estratexias e accións nas que a sustentabilidade sexa unha premisa.

barbanzaecosocial.org, que está dispoñible en galego e castelán (e proximamente estarao en inglés), inclúe 9 artigos elaborados entre HISTAGRA e Fundación RIA acompañados por gráficos, mapas, vídeos e ligazóns a outros artigos propios ou páxinas externas. Pódese acceder a estes artigos desde a páxina principal ou a través da sección Investigación, onde se poden filtrar a través de categorías que asignamos a cada un.

barbanzaecosocial.org tamén inclúe un mapa interactivo, unha ferramenta ao servizo dos seus visitantes que permitirá localizar as áreas de estudo, pero tamén consultar unha gran variedade de datos, como figuras de protección, información catastral e outros aspectos que condicionan os usos do territorio. Estas funcionalidades iranse incorporando progresivamente, durante o desenvolvemento do proxecto. Unha parte central desta ferramenta é un comparador que permite ver de maneira fácil e intuitiva a evolución que experimentou este territorio ao longo dos últimos 70 anos.

Para a elaboración do mapa interactivo contamos coa colaboración do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, que cedeu baixo unha licenza Creative Commons Attribution International “CC-BY 4.0 INT” a información cartográfica amosada.

O mapa interactivo, entre outras moitas funcionalidades, permite ver de xeito sinxelo e intuitivo a evolución que experimentou este territorio ao longo dos últimos 70 anos

A través dos artigos da páxina web, poderanse consultar vídeos que reproducen fragmentos das entrevistas realizadas tanto aos veciños de Laíño, Baroña e Froxán (para promover o entendemento do territorio desde a voz dos seus protagonistas), como ao equipo do proxecto ou outros expertos.

Os vídeos, ademais de estar incluídos nos artigos, estarán dispoñibles na nosa canle de Youtube e incluirán subtítulos en galego, castelán e inglés.

Ademáis de nos artígos publicados en barbanzaecosocial.org, os vídeos que elaboremos estarán dispoñibles na nosa canle de YouTube

A medida que avance o desenvolvemento do proxecto publicaranse máis vídeos que estarán dispoñibles en novos artigos e nesta canle de Youtube.

Os novos artigos, vídeos e funcionalidades do mapa que se incorporen á páxina web publicaranse ademais nos nosos perfís en redes sociais (barbanzaecosocial en instagram e facebook)

Publicacións relacionadas

Localizadas á beira do río Ulla, xa no seu curso final, ben preto da desembocadura na ría de Arousa, as Brañas de Laíño (Dodro) representan unha das maiores zonas húmidas de Galicia. Historicamente o seu uso foi comunal, aínda que na actualidade non son recoñecidas oficialmente como espazo comunal nin teñen manexo por parte dos veciños.
Unha parte substancial do territorio ocupado polos montes (máis de dous millóns de hectáreas en total), maioritaria de feito en moitas comarcas da metade sur de Galicia, está xestionada por comunidades de montes veciñais en mancomún, unha figura pouco coñecida, a pesar de que engloba a medio millón de propietarios en común; unha quinta parte dos habitantes de Galicia.
08/04/24 | O Laboratorio pon en marcha unha serie de xornadas de voluntariado no Barbanza co el obxectivo de implicar á cidadanía na recuperación da biodiversidade.
A estrutura territorial de Galicia, coas parroquias e as aldeas como células básicas da súa organización, mantén case intacto o seu carácter produtivo ata mediados do século XX. A pesar dos cambios nos modos de vida, polo xeral mantivéronse toda unha serie de valores comunitarios que só se entenden dende unha perspectiva social.
10/03/24 | Xa está en marcha a plataforma de contratación, un portal de emprego verde para fortalecer a economía local do Barbanza.
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza, construído entre o Grupo Histagra e a Fundación RIA, é un espazo pioneiro de investigación e acción que pretende afianzar propostas ecoagroinnovadoras que axuden a transitar o territorio cara prácticas máis sustentables.