Convócase a primeira das moitas xornadas de voluntariado do Laboratorio
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza pon en marcha unha serie de xornadas de voluntariado nos montes do Barbanza co obxectivo de implicar á cidadanía na recuperación da biodiversidade.
8 de abril 2024 — Tras a presentación pública do proxecto que tivo lugar o pasado xoves no Concello de Rianxo, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza convoca a primeira xornada de voluntariado nos montes do Barbanza para a eliminación de especies exóticas invasoras e a plantación de frondosas autóctonas.
A actividade marca o inicio dunha serie de xornadas de voluntariado que se celebrarán nos montes do Barbanza organizadas pola Fundación Montescola, entidade a cargo das actividades de prospectiva comunitaria, voluntariado e educación medioambiental do Laboratorio, que teñen como obxectivo implicar a cidadanía na recuperación da biodiversidade e fortalecer as redes colaborativas da comunidade.
Esta primeira acción terá lugar na mañá do domingo 14 de abril en Froxán (Lousame), e centrarase na eliminación de acacias e a plantación de pradairos. Aberta a todos os públicos e idades, a actividade supón unha oportunidade para aprender a descascar acacia e participar na plantación de medio cento de pradairos nunha zona na que Montescola ven traballando nos últimos anos para eliminar especies invasoras e recuperar a biodiversidade.
As persoas interesadas poderanse inscribir na actividade enviando un email a info@montescola.org antes do venres 12. Ao rematar os traballos ofrecerase o tradicional xantar de albaroque.