As vacas voltan á braña de Laíño: sustentabilidade, autonomía e bo vivir
Hai uns dez anos, Luís Miguel Ramos Freiría, Míchel para amigos e veciños, sufriu un grave accidente na fábrica na que traballaba. Segundo os informes médicos, había moitas probabilidades de que quedase tetrapléxico. Mais iso non aconteceu. “Salvoume isto”, afirma cun sorriso, en referencia ás últimas vacas que pacen na braña de Laíño.
Convalecente, inmerso nunha longa recuperación e ante a imposibilidade de continuar no seu posto de traballo ou de acceder a un emprego semellante, Míchel decidiu apostar polas vacas. Pero a semente que agromou nel tras o accidente xa a plantara seu avó moitos anos atrás. “Con oito anos eu ía á feira con el”, recorda. “Comprar compraba el; eu vendía. Dicíame hai que vender en tanto. Fun criado niso”. Michel recoñece que da man do avó, tratante de gando, descubriu moito do que sabe sobre o mercado, e tamén sobre os animais. “Pero aquí eu creo que aprendo algo cada día”, engade.
Autonomía e sustentabilidade
Aínda que de momento non pensou en certificacións ecolóxicas —si ten o gando marcado con dúas Indicacións Xeográficas Protexidas: Tenreira Galega Suprema e Vaca e Boi de Galicia—, Míchel realiza un manexo que camiña nunha orientación agroecolóxica. Produce practicamente todo o que precisa (herba, millo, abono…) e aposta pola comercialización en circuíto curto, vendendo case toda a carne de forma directa a veciños e outros particulares da zona.
As vacas mantenas basicamente coa herba dos prados, co millo que el mesmo planta e cos rolos de silo que prepara para cando as circunstancias os requiren, ademais de complementar a alimentación do gando con algo de penso que compra nun almacén da zona. “Pero doulle moi pouco. Entre outras cousas porque se lle dou moito non é viable”, afirma en alusión á sustentabilidade económica da explotación. Ten claro que o futuro da súa experiencia non está nun crecemento desmesurado, senón en manter un equilibrio no que a maioría dos custes de produción se poidan resolver a partir dos recursos do territorio inmediato.
Disposto a reducir ao máximo os gastos de fora da explotación e a evitar dependencias do exterior, este gandeiro tampouco compra abonos. Mesmo non descartaría suprimir o penso se as necesidades alimentares do gando estivesen cubertas, aínda que para iso “habería que sementar un pouco trigo ou centeo”. Fáltanlle terras apropiadas e xente que se dedique a moer ese tipo de cereais. “Non sei, tería que estudalo”, conclúe.
O establecemento de cadeas agroalimentarias curtas, a baixa pegada ecolóxica e o coidado dos animais e o territorio son algunhas das ideas que definen unha aposta apoiada como Proxecto Semente polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza. Míchel destaca as melloras materiais derivadas desta axuda; por exemplo, a instalación de pastores eléctricos para organizar mellor as zonas de pasto ou a compra dun remolque co que poder levar as vacas ao veterinario ou movelas sen risco de atravesar a estrada xeral.
Vacas na braña, outra forma de conservación
O abandono agrario, cuxa inercia xa viña asentada desde mediados do século XX, acelerouse na década dos 90 con motivo da concentración parcelaria, da entrada das terras baixo dominio da Demarcación de Costas e mais da declaración da zona como espazo protexido. “Isto estaba todo abandonado, todo feito un caos”. Así define Míchel o estado recente da braña, antes de estender o brazo para trazar un perímetro arredor dos prados nos que nos encontramos, el, o gando e mais nós: “Non había máis que silvas. Cando as limpei pasaban por riba do tractor”.
Tras esa primeira limpeza en profundidade, agora son as vacas as encargadas de realizar o mantemento. “Eu podo retocar nalgún sitio, que nace unha silva, porque as vacas non comen a silva, pero a base de que elas van estando aí, van comendo e pisando e pisando e cagan e…”. O gandeiro defende que a súa actividade contribúe para a conservación e, segundo nos conta, os veciños valoran moi positivamente a transformación do espazo, o que se traduce nun uso cada vez maior como zona de lecer.
Míchel recorda ben a realidade da braña antes da chegada da parcelaria. Antigamente, segundo nos conta, as leiras estaban divididas por un sistema de regos produto dunha tecnoloxía labrega de enorme precisión. O seu deseño, asentado nun coñecemento de séculos, canalizaba tanto a auga que baixaba do monte como a que subía do río, das mareas ou das crecidas. Aproveitábase cando facía falta e evitábanse problemas cando era abundante de máis. “No inverno sempre había algunha finca que se encharcaba un pouco, pero non como agora. Agora de aí para abaixo non podo botar as vacas”, denuncia o gandeiro, que considera que recuperar o sistema de regos será positivo para a sustentabilidade da braña.
Preguntado acerca doutros problemas que afectan a súa actividade, o gandeiro alude ao crecemento descontrolado de árbores en espazos de vocación agraria xunto coa excesiva proliferación de xabarís na braña, que contribúen para a ruptura dos equilibrios. A dependencia de Costas, por un lado, e a protección ambiental por outro supoñen un grande aumento da burocracia á hora de afrontar calquera intervención, algo para o que afirma non estar preparado.
Con respecto á conservación ambiental, o gandeiro está convencido de que as lóxicas que a definen están mudando e que a súa actividade non só é compatible coa conservación senón que é un elemento esencial desta. “Co tempo eu creo que se van desenganando”, indica el, antes de colocar como exemplo a situación da escribenta das canaveiras, cuxo descenso da poboación coincidiu, de forma paradoxal, coa declaración da zona como Rede Natura 2000. “O paxaro quere as canaveiras para criar, pero para alimentarse quere prados”, explica, antes de engadir que “isto non pode ser unha selva porque nunca foi unha selva, sempre estivo a prado. E había de todo antes: había parrulos, había paxaros, había raposo…”.
A procura do bo vivir, imposible sen comunidade
Míchel recoñece que o apoio da comunidade é esencial para que a súa iniciativa siga funcionando. De feito, a maior parte das leiras nas que pacen as vacas non son súas. Para utilizalas chega a acordos cos veciños que son beneficiosos para ambas partes: eles evitan ter que pagar para limpar as terras mentres que el aposta polo benestar animal ao tempo que reduce a dependencia económica. “Facemos un intercambio e ninguén leva nada, ou eles si levan e eu tamén levo, depende como o vexas”, indica. Ademais, sinala que “teño calquera problema, escapa unha vaca ou o que sexa, e xa me soa o teléfono”. Pero bota en falta máis compañeiros de oficio cos que tecer redes de apoio e entreaxuda. “Habendo xente falas con un, falas con outro, lévalo mellor…”, indica el. E tamén está a aprendizaxe, que non deixa de ser un proceso social e colaborativo: “Se vexo o que fas ti, o que fai o outro, e o outro… Pois dis ti, fixo aquelo, faino diferente a min. Pois vou probar, pode funcionar”.
Na terra onde se criaban os que o Diccionario Miñano definiu como “os mellores bois de Galicia”, no lugar onde naceron as primeiras cooperativas lácteas do país, hoxe quedan unhas vinte vacas. As de Míchel. Preguntado acerca do que lle gustaría para o futuro, o gandeiro non dubida: “que houbese máis xente que se dedicase a isto”. Na súa opinión, hai moitas persoas que descoñecen un oficio “realmente bonito”. “Eu penso que se te metes nisto que te pode enganchar”, engade. Pero el mellor que ninguén sabe cales son as dificultades que hai que afrontar.
“A xente vai para unha fábrica, oito horas, salario fixo e para a casa”, afirma o gandeiro, e continúa: “cada un ten a súa maneira de ver a vida, pero eu non quero iso”. Porén, tamén recoñece que as súas circunstancias lle permiten apostar por un modo de vida que a día de hoxe non xera os beneficios suficientes. A economía familiar é sustentada en boa medida grazas ao traballo da súa muller, cuxos horarios lle impiden, por exemplo, levar os rapaces á escola. Diso e doutras cousas encárgase Míchel, que valora especialmente a liberdade que lle dan as vacas. “Teño que traballar sábados, domingos, festivos… pero vou ao meu ritmo. Non me obriga ninguén”.
Míchel fala connosco desde a satisfacción absoluta que lle produce poder vivir onde lle gusta, dedicándose ao que lle gusta e compartindo coa familia e as amizades o tempo que quere. Os seus dous fillos tamén colaboran no coidado do gando. En primeiro lugar quere que estuden, pero non agocha a ilusión que lle faría que o seu proxecto de vida tivese continuidade. “A min gustaríame que algún deles seguise con isto, pero claro, sempre e cando a cousa sexa rendible”, afirma. Mentres conversamos as vacas vanse desprazando, pausadamente, cara a parte máis alta da leira. Pacen tranquilas, alleas aos nosos desvelos, acompañadas por dúas garzotas brancas. “Había anos que non se vían”, cóntanos Míchel con agrado.