O ámbito de traballo: O Barbanza

Como adoito, as condicións físicas (xeomorfolóxicas, de topografia, insolación, etc.) determinaron a ubicación das comunidades ao longo da historia, directamente relacionada coas capacidades agrolóxicas de cada espazo e, en consecuencia, cos manexos agropecuarios. No Barbanza, como en toda a Galicia atlántica, a ocupación do territorio intensificouse no s. XVIII, resultado da revolución labrega que supuxo a incorporación das plantas americanas e as intensas rotacións aparelladas. Perdurou ata a actualidade, a grosso modo, este uso do territorio, cun incremento notable de vivenda e industria, mais o asentamento nos núcleos poboacionais correspóndese en gran medida á máxima ocupación que se coñece hai mais de 200 anos.

O ámbito no que se desenvolve o proxecto do Laboratorio Ecosocial é o Barbanza, península situada entre as rías de Noia e Arousa, un territorio cunha considerable densidade poboacional e cunha fonda antropización. Esta ben definida rexión de Galicia caracterízase por unha diseminación poboacional extensa e antiga, así como pola presenza de vilas de pequeno e medio tamaño, de distintas orixes e evolución, pero todas de carácter portuario. As vilas conviven con aldeas nunha interrelación que responde a dinámicas e usos históricos do territorio, os cales foron distorsionados nas últimas seis décadas por políticas de intervención estatais que tiñan por obxectivo ordenalo e desenvolvelo.

O Océano Atlántico rodea esta península de 30 km de longo ata os esteiros dos ríos Tambre e Ulla. No centro érguese a serra do Barbanza, conformada por materiais graníticos e xistosos, que con 5 km de ancho e 15 km de longo acada unha altitude superior aos 600 metros. Elevacións significativas e unha singular penichaira que reflicte unha antiga superfície de erosión, “un perfecto horst unido por fallas onde se conserva a superficie de aplanamento eóxena, salpicada de relevos residuais”, segundo Augusto Pérez Alberti. A tectónica afecta á litoloxía dende que no Precámbrico, hai mil millóns de anos, empezaron a depositarse materiais, o que sumado á combinada acción morfoxenética da sucesión climática ata o actual clima oceánico e á máis recente aínda acción humana, definen a morfoloxía e o relevo deste territorio. Pola súa disposición NE-SO, a serra configúrase como unha barreira para os ventos procedentes do mar polo que, en función da súa orientación, as súas ladeiras presentan condicións microclimáticas dispares.

Todos estes condicionantes físico-climáticos favoreceron a consolidación de ecosistemas diversos nos que as comunidades se asentaron dunha forma intensa xa dende a Idade de Bronce, como evidencian os numerosos restos arqueolóxicos que se atopan na área e que nos remiten ás orixes do Neolítico, ao sendentarismo e á agricultura hai sete mil anos.

Como vimos en artigos anteriores, a día de hoxe unha grande extensión do territorio do Barbanza (36%), superior á media galega (22%), está xestionado en mancomún por comunidades locais das que podemos extraer múltiples leccións e atopar oportunidades para a reactivación dos espazos rurais. O Barbanza, e máis o resto do pais, visto cos ollos dun historiador do agro contemporáneo “é un territorio dominado polo abandono rural e agrario: polo abandono do medio rural e a desagrarización do territorio”. Visto o abandono por un paisano de certa idade, con experiencia e memoria labrega, labrego de oficio ou de orixes, “é un territorio desaproveitado”. De aí a necesidade de mobilizar vontades para recompoñer esta situación.

A día de hoxe unha grande extensión do territorio do Barbanza (36%), superior á media galega (22%), está xestionado en mancomún por comunidades locais das que podemos extraer múltiples leccións e atopar oportunidades para a reactivación dos espazos rurais.

A chave das noces deste proxecto atópase na posibilidade de relacionar a capacidade histórica das comunidades agrarias de aproveitar os recursos naturais manexando o territorio dunha forma orgánica, intensificadora e porén sustentable, coas necesidades dun futuro tamén sustentable, na actual conxuntura de transición ambiental. Para abordalo recorremos aos estudos de caso cunha metodoloxía que procura o diálogo de saberes. Desenvolver a indagación require o estudo en profundidade da diversidade de casos seguindo os métodos da historia social e agraria e da agroecoloxía. Estudamos grupos humanos que manexan de formas diferentes territorios diferentes ao longo do tempo para producir, nun proceso de coevolución coa natureza. É necesario enfocar o proceso co microscopio da historia, para coñecer a diversidade, a fondura temporal e a capacidade de mundanza e adaptación desas prácticas de manexo, así como os coñecementos producidos pola comunidade na súa relación de longo prazo co territorio (manexo) e coa contorna exterior (mercado, emigración).

A chave das noces deste proxecto atópase na posibilidade de relacionar a capacidade histórica das comunidades agrarias de aproveitar os recursos naturais manexando o territorio dunha forma orgánica, intensificadora e porén sustentable, coas necesidades dun futuro tamén sustentable, na actual conxuntura de transición ambiental.

Coa intención de ter unha diversidade de casos, seleccionamos tres ámbitos moi diferentes: as Brañas de Laíño; a Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Froxán; A Comunidade de Baroña, que abrangue os Montes Veciñais en Man Común de Barbanza, Enxa, Xián, Dordo, Costa de Abaixo e O Sobrado.

Publicacións relacionadas

01/06/24 | O Laboratorio Ecosocial do Barbanza convoca unha nova actividade en Rianxo, que nesta ocasión terá lugar no monte de Campelo, o Vilar e Cerqueiras.
As vacas voltan á braña de Laíño: sustentabilidade, autonomía e bo vivir Laboratorio Ecosocial do Barbanza – HISTAGRA / GESPIC Hai uns dez anos, Luís Miguel Ramos Freiría, Míchel para …
A de Froxán (Lousame) é unha aldea marcada por ser unha das tres que foi ocupada a finais do S.XIX polas minas de San Finx para explotar o Volframio, que fixo que terreos do común fosen ocupados e que se lle fose negado o seu manexo á poboación local.
10/03/24 | Xa está en marcha a plataforma de contratación, un portal de emprego verde para fortalecer a economía local do Barbanza.
barbanzaecosocial.org albergará os artígos elaborados no marco do proyecto, fragmentos das entrevistas realizadas e un mapa interactivo con múltiples funcionalidades que permitirá comprender os cambios que se produciron no territorio nos últimos 70 anos.
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza ten un ollo posto no pasado e busca imaxinar un futuro sustentable partindo dunha herdanza biocultural que aínda subxace nas comunidades que habitan o territorio.