Os estudos de caso (III): Comunidade de montes de Baroña

A Comunidade de Montes de Baroña (Porto do Son), constituida polos Montes Veciñais en Man Común de Barbanza, Enxa, Xián, Dordo, Costa de Abaixo e O Sobrado, ocupa 846 hectáreas. Na súa asamblea son 186 as casas que constan como comuneiras e no seu manexo fan unha clara aposta polo aproveitamento multifuncional do monte. Nos últimos anos recuperaron o subministro de leña ás casas, coa venta directa, e máis o aproveitamento resineiro. A caída do prezo da madeira, trala crise da construción iniciada no 2008, fixo que a Comunidade optara por un xiro na súa produción na procura da diversificación. Deste xeito, teñen pasado dunha media de 80000 euros anuais de ingreso por venta de madeira entre os anos 2002 e 2012 a reducirse á metade, compensándose coas novas prácticas.

A caída do prezo da madeira, trala crise da construción iniciada no 2008, fixo que a Comunidade optara por un xiro na súa produción na procura da diversificación.

Os novos aproveitamentos ascenden a unha media de 40000 euros no caso da resina e uns 12000 euros no caso da venta de leñas. Estes datos converten á comunidade sonense no maior produtor de resina de toda Galicia e posibilita a creación de catro novos postos de traballo que conforman unha plántela de entre 9 e 13 traballadores cos que conta a comunidade en función da estacionalidade.

Estes datos converten á comunidade sonense no maior produtor de resina de toda Galicia e posibilita a creación de catro novos postos de traballo

Á vez os comuneiros teñen dereito á provisión de balde de leñas directamente dende o monte para o uso propio, pero a posibilidade de poder tela cortada e na porta da casa aumenta esta práctica exponencialmente , aportando unha base enerxética local que implica un aporte de sustentabilidade económica e ambiental na contorna. A recuperación da importancia da gandería equina e caprina tamén supón unha adaptación de aproveitamentos do pasado que reduce ademais a existencia de exceso de combustible natural que poda favorecer a extensión dos incendios no caso de habelos.

Non menos salientables son outros aproveitamentos polos que está a apostar a comunidade como os recreativos, con actividades para pequenos e maiores; así como a aposta por actividades de turismo na zona; obtención de mel e setas; a cesión de terreos da comunidade para instalar infraestruturas e equipamentos como unha base de salvamento marítimo, un campo de fútbol, un couto cabalar, aeroxeradores, instalacións contra os lumes, merendeiros…; así coma a recuperación do patrimonio histórico e as guías para a súa visita que se combinan cun grande número de actividades formativas.

Ao longo dos próximos meses de investigación iranse desentrañando ás interaccións entre os veciños e o territorio, as lóxicas dos manexos, as redes de comercialización que se daban e dan en Baroña, así como nas comunidades de Froxán e de Laíño, o que nos permitirá comprender dun xeito máis atinado o entramado socio-ambiental do lugar. 

Publicacións relacionadas

Localizadas á beira do río Ulla, xa no seu curso final, ben preto da desembocadura na ría de Arousa, as Brañas de Laíño (Dodro) representan unha das maiores zonas húmidas de Galicia. Historicamente o seu uso foi comunal, aínda que na actualidade non son recoñecidas oficialmente como espazo comunal nin teñen manexo por parte dos veciños.
De entre todos os tópicos cos que se adoita explicar Galicia, o individualismo é, sen dúbida, un dos que se presenta con máis frecuencia y maior fortaleza. A pesar disto, o sentido colectivo aínda prevalece no rural, canto menos con máis forza que noutros ámbitos da nosa sociedade.
O ámbito no que se desenvolve o proxecto do Laboratorio Ecosocial é o Barbanza, península situada entre as rías de Noia e Arousa, un territorio cunha considerable densidade poboacional e cunha fonda antropización.
A estrutura territorial de Galicia, coas parroquias e as aldeas como células básicas da súa organización, mantén case intacto o seu carácter produtivo ata mediados do século XX. A pesar dos cambios nos modos de vida, polo xeral mantivéronse toda unha serie de valores comunitarios que só se entenden dende unha perspectiva social.
A de Froxán (Lousame) é unha aldea marcada por ser unha das tres que foi ocupada a finais do S.XIX polas minas de San Finx para explotar o Volframio, que fixo que terreos do común fosen ocupados e que se lle fose negado o seu manexo á poboación local.
A casa e o monte comunal non son illas separadas, senón que forman parte dun sistema de interrelacións base dunha economía autosuficiente que permitiu o sostén da poboación das comunidades da península do Barbanza e de Galicia.