Os estudos de caso (II): Monte Veciñal en Mancomún de Froxán

A de Froxán (Lousame) é unha aldea marcada por ser unha das tres que foi ocupada a finais do S.XIX polas minas de San Finx. A importancia que cobraron minerais coma o Volframio para o seu uso na fabricación de arsenal bélico fixo que terreos do común fosen ocupados e que se lle fose negado o seu manexo á poboación local, que en contrapartida tivo a posibilidade de acceder a postos de emprego na mina.

O monte veciñal, que ocupa pouco máis de 100 hectáreas na actualidade, foi, coma a maioría, usurpado polo Estado para as repoboacións nos anos corenta, primeiro co piñeiro e posteriormente co eucalipto, o que obrigou aos locais a ter que desfacerse de grande parte da súa cabana gandeira, principalmente ovino, que pastaba no monte.

Unha característica distintiva desta comunidade é a súa dimensión: constitúe un couto redondo arredor de 5 casas con cadansúa horta e cortiña pegadas e monte do común todo arredor. A comunidade apenas cambiou tras o recoñecemento coma monte veciñal en man común, que continuou cun modelo produtivista arredor da explotación forestal herdado das políticas forestais franquistas. No 2006, e tras un grande incendio, decidiron cambiar o xeito de explotar o monte, mediante a eliminación de masas forestais de risco e a reintrodución de franxas de frondosas, que permitiron parar o avance doutro grande incendio que ameazou a aldea dez anos máis tarde.

As repoboacións nos anos corenta, primeiro co piñeiro e posteriormente co eucalipto, obrigaron aos locais a ter que desfacerse de grande parte da súa cabana gandeira, principalmente ovino, que pastaba no monte.

Recuperando ás lóxicas do monte previas á usurpación da década de 1940 deciden apostar por unha estratexia a longo prazo, baseada na diversificación da plantación introducindo aquelas variedades máis axeitadas para cada lugar. Este proceso é apoiado a través do voluntariado mediante “a roga e o albaroque”, no que se convida a participar a persoas alleas á comunidade (roga) na eliminación dos rebrotes das especies invasoras e a plantación das especies desexadas para, despois da xornada de traballo, comer e beber todas as persoas xuntas (albaroque). Esta iniciativa converteuse no xerme das agora famosas “brigadas deseucaliptizadoras”, en colaboración coa asociación ecoloxista Verdegaia, brigadas que pasan a estar constituídas por centos de persoas que realizan este tipo de accións noutros puntos do territorio galego.

No 2006, e tras un grande incendio, decidiron cambiar o xeito de explotar o monte, mediante a eliminación de masas forestais de risco e a reintrodución de franxas de frondosas, que permitiron parar o avance doutro grande incendio que ameazou a aldea dez anos máis tarde.

O desexo de reconverter o monte nun espazo sustentable desemboca tamén no ensino, para facer chegar a nenos e nenas a educación ambiental sobre o terreo. Nace así en Froxán a denominada “Montescola”. En paralelo desenvolven o Centro de Saberes para a Sustentabilidade, recoñecido oficialmente polas Naccións Unidas na 12ª Reunión do Ubuntu Committee of Peers for the RCEs (Okayama, Xapón, 4 de decembro de 2017). Esta vía de internacionalización corrobórase coa inclusión da comunidade no catálogo de ICCAs «Territorios e Áreas conservadas por pobos indíxenas e comunidades locais».

Froxán é un monte veciñal típico que soubo aproveitar o seu valor engadido, darlle unha volta e acadar un recoñecemento social e institucional motivado por un bo facer en torno á ecoloxía e sustentabilidade.

Froxán é un monte veciñal típico que soubo aproveitar o seu valor engadido, darlle unha volta e acadar un recoñecemento social e institucional motivado por un bo facer en torno á ecoloxía e sustentabilidade. A través do Laboratorio Ecosocial aprenderemos de experiencias exemplificadoras e indagaremos nas lóxicas dos manexos que se deron no pasado noutras comunidades como as de Laíño e Baroña, para seguir tecendo un territorio máis sustentable.

Publicacións relacionadas

Educación para a transformación do territorio: a experiencia do IES Félix Muriel de Rianxo Laboratorio Ecosocial do Barbanza – HISTAGRA / GESPIC A finais de marzo de 2019, o fume …
No contexto autoritario da ditadura franquista ábrese a porta a un modelo produtivista imposto polo Estado e vinculado tamén ao capitalismo corporativo do réxime. Neste novo modelo o territorio perde o seu carácter de sistema integrado.
Localizadas á beira do río Ulla, xa no seu curso final, ben preto da desembocadura na ría de Arousa, as Brañas de Laíño (Dodro) representan unha das maiores zonas húmidas de Galicia. Historicamente o seu uso foi comunal, aínda que na actualidade non son recoñecidas oficialmente como espazo comunal nin teñen manexo por parte dos veciños.
O ámbito no que se desenvolve o proxecto do Laboratorio Ecosocial é o Barbanza, península situada entre as rías de Noia e Arousa, un territorio cunha considerable densidade poboacional e cunha fonda antropización.
A aldea e a parroquia son as unidades básicas da organización territorial de Galicia. Coñecer as súas orixes, lóxicas productivas e relacións comunitarias poderían aportar claves do seu papel na actualidade e no futuro.
Unha parte substancial do territorio ocupado polos montes (máis de dous millóns de hectáreas en total), maioritaria de feito en moitas comarcas da metade sur de Galicia, está xestionada por comunidades de montes veciñais en mancomún, unha figura pouco coñecida, a pesar de que engloba a medio millón de propietarios en común; unha quinta parte dos habitantes de Galicia.