Máis ca leña: como pensar o monte de novo?

Ás veces unha iniciativa aparentemente pequena, se a ollamos en termos de superficie ou en número de persoas involucradas, pero que conta con obxectivos ambiciosos e moitas horas de traballo e implicación detrás, pode converterse nun microcosmos desde o que repensar o país, a relación da xente co territorio e o significado de vivir en comunidade. É o caso do proxecto Máis ca Leña, asentado na parroquia de Taragoña (Rianxo) sobre tres piares esenciais: os membros da Comunidade Veciñal de Montes en Man Común (CVMCM) O Fieitoso de Taragoña, os integrantes do colectivo veciñal Fousas ao Monte e o alumnado e profesorado do Colexio de Educación Primaria Brea Segade. A súa iniciativa, deseñada cunha tripla dimensión —produtiva, comunitaria e didáctica—, é un excelente exemplo das enormes potencialidades que a día de hoxe existen no rural.

Vista aérea do monte veciñal en man común O Fieitoso de Taragoña. En primeiro plano, os edificios do Colexio de Educación Primaria Brea Segade, que preceden á área recreativa do Campo de Maneiro, onde se desenvolve o proxecto Máis ca leña

Da explotación forestal intensiva cara á multifuncionalidade

O punto de partida para virar a orientación no manexo do monte non é distinto ao doutras experiencias recollidas polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza. Os incendios, neste caso a grande vaga do verán de 2017 e os que afectaron particularmente a Rianxo en marzo de 2019, actúan como impulso para que un grupo de veciños decida implicarse na xestión do monte veciñal e na dinamización social da aldea, establecendo unha simbiose entre comunidade (O Fieitoso de Taragoña) e asociación (Fousas ao Monte) que goza de grande vitalidade. O contexto: por un lado, un monte relativamente cativo en extensión (76 ha) cunha traxectoria comunitaria reducida (foi clasificado no ano 2006); por outro, unha veciñanza organizada, con capacidade de traballo e armada de ilusión, disposta a demostrar que é posible e tamén necesario construír territorios sustentables desde o punto de vista ecolóxico, económico e social.

Segundo Miguel Rial, membro de Fousas ao Monte, a asociación comparte coa comunidade de montes un obxectivo central: traballan para transitar do modelo forestal intensivo predominante para un manexo multifuncional máis amable co territorio e coa vida en común. Estas son tamén as chaves da Plataforma en Defensa do Monte, rede na que participan estas dúas entidades e outras sete CMVMC, e que manexa preto de 1500 ha no concello de Rianxo. Porén, a profundidade da proposta impulsada desde Taragoña vai alén dun mero cambio de modelo produtivo.

Máis ca leña é unha iniciativa que integra a comunidade de montes, o colectivo veciñal e o centro educativo da parroquia, combinando a dimensión produtiva, a de dinamización comunitaria e mais a educativa. Nesta confluencia toma sentido o nome do proxecto. Non só significa levar gando, incorporar a apicultura ou introducir o aproveitamento de castañas, resina e cogomelos, senón que se busca recuperar a conexión entre a comunidade e o monte. Emilio Saborido, presidente da CMVMC O Fieitoso de Taragoña, indica que traballan para que os veciños “teñan voz e voto” no monte e que desfruten del, para que sexan quen de constituír “un colectivo que respecte, poña en valor e defenda” o seu territorio. E aquí a participación do Brea Segade tórnase esencial. Por un lado, Máis ca leña permite complementar o currículo educativo do centro coa experiencia directa que dá participar no manexo deste espazo. Pero ademais, o alumnado é o encargado de compartir estes coñecementos coas persoas e colectivos que se achegan a Taragoña para descubrir as alternativas que pode ofrecer o monte. A sinalización de espazos demostrativos, a realización de peches e outras tarefas de acondicionamento son exemplos de accións relacionadas co apoio económico do Laboratorio, que Rial considera “chave para poder consolidar o proxecto”.

Un monte para vivilo

Os impulsores de Máis ca leña teñen moi presente a tripla dimensión que dá forma a unha proposta que incorpora tamén unha perspectiva estética e de desfrute do territorio. Para Saborido, “unha das riquezas do monte é que a medida que vai envellecendo é moito máis bonito”. O monte manexado, complexo e diverso é especialmente apreciado pola poboación. Así nolo transmiten Natalia e Ana dúas veciñas que de momento non deron o paso de se facer comuneiras, pero que aproveitan a zona a diario para pasear os cans e facer exercicio. O Fieitoso hoxe, en proceso de transformación produtiva, recórdalles máis aos espazos da súa infancia que o monte forestado, abandonado e cheo de mato dos últimos tempos, moito menos agradable de camiñar e de vivir.

A plantación de castiñeiros ou a planificación do monte para impulsar a explotación de cogomelos non teñen, dadas as dimensións, unha vocación comercial. Porén, estas propostas favorecen que os veciños se poidan aproveitar libremente dos distintos recursos que ofrece o monte, apañando castañas, setas ou piñas, o que ao mesmo tempo promove a identidade comunitaria.

A introdución do gando caprino, pola súa parte, ten unha dobre funcionalidade produtiva: a limpeza do monte e a venda da carne. Alén dos beneficios ambientais e sociais, Saborido considera que para que esta aposta sexa sustentable desde o punto de vista económico “o ideal sería poder xestionar un posto de traballo”. Mais o enfoque produtivo non implica deixar de lado o educativo, reservando un papel principal nos coidados para os rapaces do colexio. Estas e outras experiencias protagonizadas polo alumnado, como é o caso da plantación de castiñeiros no monte veciñal, contribúen a que os máis novos constrúan a súa relación co espazo como o que é: algo de seu. Neste sentido, a nova aposta da comunidade non implica regresar ao pasado en canto a aproveitamentos concretos do monte; o que si se pretende rescatar son as lóxicas que levan aos veciños a vivir o espazo como propio.

Construíndo rede, facendo comunidade

A diferenza doutras experiencias que contan con moita máis superficie, experiencia colectiva e capacidade de xerar recursos, caso do monte veciñal de Baroña, as actividades produtivas da comunidade de O Fieitoso teñen un sentido máis demostrativo que puramente económico, contribuíndo a conceptualizar o monte como un espazo diverso e complexo. Este traballo ten, ademais, outra virtualidade: permite converter esta experiencia nun espello onde outras comunidades e particulares se poidan mirar. Os impulsores de Máis ca leña están desenvolvendo un intenso traballo de difusión a través das redes sociais que se suma á participación en rede con outras comunidades do concello ou da comarca, así como á organización de visitas ao monte por parte de colectivos ou particulares nas que o alumnado do Brea Segade exerce como guía.

Tanto desde a comunidade como desde a asociación coinciden en que a dinamización social é o seu principal reto de futuro. Actualmente a participación total no colectivo Fousas ao Monte anda arredor das 25 persoas. “Temos un grupo moi consolidado, pero precisamos expandilo para termos continuidade”, apunta Rial. “Fainos falta achegar máis xente nova e tamén xente maior con experiencia e outras ideas”. O número de comuneiros de O Fieitoso, pola súa banda, é algo menor. Segundo nos conta o seu presidente, moitas persoas aínda non entenden ben que significa e que implica o monte comunal. Con frecuencia “preguntan canto hai que pagar” para participar ou continúan a velo como “algo privado ou fechado, no que custa entrar”. Natalia e Ana confírmannos esta percepción: ven o monte como algo propio da comunidade local, pero non se acaban de ver a si mesmas como comuneiras.

Que os comuneiros e particularmente as mulleres comuneiras medren en número é un dos grandes obxectivos para O Fieitoso nesta nova fase, pero para iso “fai falta coñecemento da propia comunidade, dar un pequeno empurrón”, apunta o seu presidente. O principal desafío pasa por explicar e difundir que é a comunidade e que significa ser comuneiro, de aí que o proxecto Máis ca leña e a súa vertente didáctica cobren tanto valor. “Penso que o proxecto pode ser ideal porque temos unha mostra do que se pode facer. A xente pode visualizalo e dar a súa opinión sobre o destino das cousas”, expresa Saborido, que engade que “máis que como unha empresa que xestiona unhas terras, hai que dar a ver as comunidades de montes como unha asociación na que os veciños poden participar tomando decisións sobre o seu futuro”.