Do tópico da Galiza individualista

De entre todos os tópicos cos que se acostuma explicar Galiza, o individualismo é, sen dúbida, un dos que se presenta con máis frecuencia e maior fortaleza. Tamén dos máis nocivos, polo seu poder paralizante. “Non te esforces, os galegos somos así…”. “Sempre igual, cada un coa súa leiriña…”. Cantas veces non teremos escoitado expresións coma estas? A súa capacidade explicativa semella total, e aí reside a gravidade do asunto: é un mantra perfecto que acaba por evitar as análises e explicacións complexas, por impedir o debate serio e por minar, xa de partida, as posibles solucións, sexa cal sexa o problema que se estea a tratar. E faino porque toma carta de natureza xenética. O individualismo semella ser, paradoxalmente, un elemento central da nosa personalidade colectiva, unha parte esencial da nosa idiosincrasia. E contra un mesmo non se pode loitar.

Orixe e desenvolvemento do tópico

Ao longo dos tempos, o tópico do individualismo demostrou o seu vigor na resistencia a toda crítica, pero tamén na súa capacidade de adaptación. Nun país historicamente de labregos como o noso, os prexuízos asociados ao mundo rural acabaron por ter aplicación para o conxunto da sociedade galega. É o que aconteceu, tamén, coa noción de atraso. A análise da prensa, que acostuma ser un bo termómetro da prevalencia dos tópicos e dos lugares comúns, móstranos como nos últimos dous séculos teñen recorrido ao individualismo natural dos galegos analistas de signo diverso [3], elementos das elites políticas e culturais de todo o espectro ideolóxico [4] e tamén membros do común da sociedade [5]. E fixérono para os usos máis dispares.

Se a principios do século XX se botaba man deste concepto para celebrar o mérito da Federación Agropecuaria del Norte Galaico, asociación de labregos do norte de Lugo que “ha tenido la virtualidad de vencer el individualismo gallego, tan arraigado en el labrador, y convencerle de que en la asociación está su mejoramiento y su porvenir” [6], cen anos máis tarde servía celebrar os éxitos do equipo ciclista Xacobeo, que na Volta Ciclista a España de 2010 foi quen de “desterrar el tópico del individualismo gallego, de la dispersión patológica” [7]. Nas últimas décadas, o individualismo galego ten sido colocado como hándicap na creación de empresas competitivas [8] ou como causa explicativa da crise do sector naval ferrolán [9]. Son só algúns exemplos dunha lista que sería interminable. Mesmo o actual presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, afirmaba o seguinte nunha entrevista para La Voz de Galicia, poucos meses despois da súa primeira vitoria nas eleccións de 2009: “Creo que los gallegos somos muy individualistas. Nuestra estructura social, la forma de entender la vida, lo demuestran. Nos gusta vivir de forma dispersa. A los alemanes también, pero ellos tienen un país acabado, ordenado, y nosotros, no.” [10]

Mudaron os tempos, as vontades. O país parécese bastante pouco ao que retrataban as publicacións do XIX ou ao que estudaban os galeguistas en pleno franquismo. Porén, as citas que recollemos ao longo de dous séculos soan ben recentes. Aí está a forza do tópico. Mais a nosa responsabilidade é confrontalo mediante o estudo, e a Historia dótanos de moitas ferramentas para facelo.

O rural: un mundo construído desde o común

É precisamente na orixe do tópico onde reside a súa falsidade. As investigacións realizadas nas últimas décadas no marco do grupo HISTAGRA veñen demostrando, desde diferentes perspectivas, por que o rural galego non encaixa nesta caracterización individualista e insolidaria [11]. Ben lonxe de idealizacións, estamos en condicións de afirmar que o xeito de ordenación endóxena do territorio, construído desde o local e que deu lugar a unha agricultura familiar a pequena escala, favorece a cooperación. Mesmo obriga á cooperación, porque esta é imprescindible. De feito, os altos niveis de produtividade das pequenas explotacións galegas durante os séculos XVIII e XIX non se entenden sen a existencia de amplos espazos comunais, moitos dos cales chegan aos nosos días en forma de Montes Veciñais en Man Común grazas á resiliencia histórica das comunidades. Na análise do noso pasado, a pequena propiedade non se pode entender, en definitiva, se non entendemos a fortaleza da comunidade. E a fortaleza da comunidade, como ben sabemos, impregnaba tamén a organización das distintas esferas da vida social, desde o traballo á festa.

Alén da organización comunitaria en cada aldea, os labregos galegos teñen demostrado unha grande capacidade de asociación tamén no plano formal. Podemos falar, durante as décadas previas ao golpe de Estado de xullo do 36, do auxe das mutuas gandeiras e das sociedades agrarias, que mesmo deron pé á compra colectiva de maquinaria ou á organización cooperativa para a produción e comercialización. Tamén das asociacións de emigrantes, a través das que os veciños que estaban fóra contribuían para a mellora dos seus lugares de orixe, por exemplo, fundando escolas. Un bo exemplo disto témolo en Laíño (Dodro), un dos nosos casos de estudo. Como lugar de memoria do seu pasado en común fica en pé o centro educativo da Sociedad de Agricultores de las Tres Parroquias de Dodro, hoxe Casa da Cultura do concello.

Centro educativo da Sociedad de Agricultores de las Tres Parroquias de Dodro, hoxe Casa da Cultura do concello. Imaxe: Consello da Cultura Galega

A desintegración do mundo rural e, ao tempo, das comunidades que o conforman, é un proceso que se abre con forza en plena ditadura franquista, en torno aos anos 60 do século pasado, e que se acentúa especialmente a partir dos 80. A pesar disto, o sentido do colectivo aínda prevalece no rural, cando menos con máis forza que noutros ámbitos da nosa sociedade. Nun agro desestruturado, fundamentalmente desde o punto de vista produtivo, encontramos o común, por exemplo, na importancia que aínda ten a entreaxuda ou na organización colectiva das festas parroquiais. Encontrámolo tamén, claro, na fortaleza das comunidades de montes. En sociedades, agora si, cada vez máis individualistas —e non por cuestións naturais ou culturais, senón por motivos sistémicos e de alcance global—, convén ollarmos para o noso pasado recente. Quizais nel encontremos sementes para o futuro.

Referencias bibliográficas

  1. Fernández, L. (2016) «O atraso: éxito dun falso mito. Imaxes contra os tópicos do mundo rural e os labregos». En I. Dubert (ed.), Historia das historias de Galicia (357-391). Vigo: Xerais.

  2. El Eco de Galicia, 30.08.1851

  3. O tópico do individualismo aparece con frecuencia nos artigos de dous xornalistas galegos de grande influencia en épocas distintas, e que ademais atenderon especialmente ás cuestións agrarias: Bartolomé Calderón, nas primeiras décadas do XX, e Augusto Assía (pseudónimo de Felipe Fernández Armesto), na segunda metade do mesmo século. Para o primeiro, ver, por exemplo, La Voz de Galicia (20.02.1924, 15.06.1924, 01.09.1928 ou 14.02.1931). Para o segundo, por exemplo, La Voz de Galicia (28.08.1960, 31.08.1960 e 13.10.1963).

  4. Desde Alfredo García Ramos, xurista e xornalista que sería deputado independente por Pontevedra en 1933 (ver cita 6) ou Santiago Casares Quiroga, fundador da ORGA e Presidente do Goberno español en 1936 (La Voz de Galicia, 18.12.1923)  até galeguistas como Fernández del Riego (La Voz de Galicia, 03.11.1960; asinando co pseudónimo Salvador Lorenzana) ou Ramón Piñeiro (Piñeiro, R. (2008) «Individualismo, particularismo, cooperativismo». En Olladas no futuro (165-166). Vigo: Galaxia.

  5.  Ver, por exemplo, dúas cartas ao director publicadas baixo o título “Individualismo gallego” en La Voz de Galicia nos anos 1988 e 1994 (18.04.1988 e 02.02.1994).

  6. García Ramos, A. (1912). «Capítulo XXIII». En Arqueología jurídico-consuetudinaria-económica de la región gallega (138-140). Madrid: Establecimiento Tipográfico de Jaime Ratés.

  7. La Voz de Galicia, 20.09.2010.

  8. La Voz de Galicia, 06.26.1991.

  9. La Voz de Galicia, 03.04.2002.

  10. La Voz de Galicia, 25.07.2009.

  11. Ver, por exemplo: Villares, R. (1982). La propiedad de la tierra en Galicia (1500-1936). México: Siglo XXI; Balboa, X. (1990). O monte en Galicia. Vigo: Xerais; Cabo, M. (1998). O agrarismo. Vigo: A Nosa Terra; Díaz-Geada, A. (2013). Mudar en común: cambios económicos, sociais e culturais no rural galego do franquismo e da transición (1959-1982) (Tese de doutoramento, Universidade de Santiago de Compostela).

Publicaciones relacionadas