Resolución da Convocatoria de Proxectos Semente do Laboratorio Ecosocial do Barbanza

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza resolve a Convocatoria de Proxectos Semente anunciando as iniciativas seleccionadas: 

  • Comprender e transformar o territorio desde a biocultura
    Promove Instituto de Educación Secundaria Félix Muriel de Rianxo

  • Máis ca leña
    Promove Comunidade de Monte Veciñal en Man Común “O Fieitoso” de Taragoña

  • Establecemento dunha gandería extensiva de vacún de carne nas brañas de Laíño
    Promove María Teresa Feiría Baleirón

As 3 propostas recibirán un apoio económico de 5.000€ cada unha así como asesoramento técnico e apoio á comunicación ao longo de 2021. Foron seleccionadas de entre un total de 15 candidaturas presentadas á Convocatoria de Proxectos Semente do Laboratorio Ecosocial do Barbanza.

A convocatoria

A Convocatoria de Proxectos Semente foi o primeiro paso da segunda fase do Laboratorio, na que poñer en práctica os principios da sustentabilidade identificados durante a investigación que levou a cabo en 2020 e que tivo como broche a publicación do libro “Cando eramos sostibles. Aprendendo no Barbanza as claves do futuro” (dispoñible para descarga gratuíta en español, galego e inglés en www.barbanzaecosocial.org).

Da devandita investigación desprendíase a importancia de conxugar os aproveitamentos produtivos sostibles e a demostración dos seus beneficios (ambientais, económicos e sociais) e a súa divulgación, así como desenvolver estas actividades en coordinación coa comunidade local, establecendo e reforzando lazos de unión entre as persoas e o territorio.

As entidades que integran o Laboratorio consideran que as 3 propostas seleccionadas conxugan de maneira exemplar estes aspectos cun gran potencial de impacto, visibilidade e desenvolvemento. A selección final dos proxectos reflicte a diversidade de enfoques das candidaturas, así como de axentes promotores das mesmas (iniciativas particulares, asociacións e comunidades de montes, e institucións educativas).

Desde o Laboratorio destacan a calidade de todas as candidaturas recibidas, o que pon de relevo a existencia dun gran potencial para impulsar o desenvolvemento das áreas rurais da comarca por parte da comunidade local. O equipo do proxecto manifesta a súa vontade para colaborar con todas as iniciativas, aínda que non fosen seleccionadas, e animando aos candidatos para presentar os seus proxectos en próximas edicións da convocatoria.

O proceso de selección

Na dinámica para a selección dos proxectos semente tivéronse en conta múltiples aspectos como o seu valor produtivo, a súa contribución á comunidade, a súa contribución á rexeneración ambiental ou a novidade e o carácter “semente” do proxecto -o seu carácter estruturante capaz de converterse nun exemplo que fose replicado por outras persoas e entidades no futuro-.

Tívose en conta que as accións se puidesen executar nun marco temporal reducido para conseguir resultados e valorando que incluísen intervencións físicas tanxibles no territorio.

En paralelo tamén se considerou a súa capacidade para desenvolverse por si mesmas, ou se existían outras fontes de financiamento ou colaboradores que potencialmente impulsarían estas iniciativas, contando co asesoramento do equipo do Laboratorio.

Tras un debate extenso, que contou coa participación dos equipos de Fundación RIA, o grupo HISTAGRA da USC, as achegas de Fundación Banco Santander e dun Consello Asesor composto por investigadores das universidades galegas e asesores expertos na promoción do desenvolvemento rural chegouse á selección de 3 proxectos.

Documentación adicional

Acta do Comité de Selección