Convocatoria de proxectos semente do Laboratorio Ecosocial do Barbanza

Tes un proxecto ecosocial que queiras desenvolver na península do Barbanza? O Laboratorio Ecosocial do Barbanza dispón de 15.000€ para o impulso de tres iniciativas. Envía a túa proposta ata o 31 de maio a través do formulario dispoñible en barbanzaecosocial.org

Claves da convocatoria

Que é esta convocatoria
Unha chamada a iniciativas sustentables que queiran desenvolverse nas áreas rurais da península do Barbanza para ofrecerlles apoio técnico e económico.

Que é o Laboratorio Ecosocial do Barbanza?
É un proxecto que procura poñer en valor as lóxicas do manexo do territorio levadas a cabo historicamente polas comunidades locais e impulsar iniciativas na rexión, denominados proxectos semente, que se rexan polos mesmos principios de sustentabilidade, o que comeza coa publicación desta convocatoria.

Onde deben desenvolverse os proxectos?
Na biorrexión do Barbanza, formada polos concellos de Noia, Porto do Son, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Dodro e Lousame.

Quen pode participar?
Poderán presentarse a esta convocatoria tanto persoas físicas como entidades (asociacións, cooperativas, sociedades, comunidades de montes, empresas, fundacións, etc.). Priorizaranse aquelas propostas que proveñan de personas ou entidades que estean domicialiadas en alguno dos municipios anteriores.

Cal é a achega económica aos proxectos?
Recoméndase que as propostas estean por debaixo dos 5.000€ (IVE incluído), establecéndose un límite máximo de 7.500€ (IVE incluído).

Que é un proxecto semente?
Denominamos proxectos semente ás candidaturas desta convocatoria, pola capacidade que deben ter para xermolar no territorio e exemplificar boas prácticas que poidan replicarse noutras localizacións.

Sobre que deben tratar os proxectos semente?
Buscamos proxectos centrados na produción sostible, na rexeneración ambiental, na planificación do territorio, na acción social, cultural ou na súa combinación, que revertan positivamente nas comunidades locais e teñan capacidade de amplificación e replicación. Os proxectos deben ter como primeiro requisito a sustentabilidade e para iso recoméndase ter en conta os principios para novas iniciativas sustentables recollidos na publicación Cando eramos sostibles. Aprendendo no Barbanza as claves do futuro:

  1. Xestión comunitaria pola propia veciñanza
  2. Coidado do territorio e aproveitamento produtivo
  3. Establecemento de cadeas agroalimentarias curtas
  4. Diversificación e pluriactividade
  5. Emprego de enerxía limpa de orixe local
  6. Baixa pegada ecolóxica e economía circular
  7. Xeración de capital social e espazos de relación

Valoraranse positivamente aqueles proxectos que teñan en consideración o maior número destes principios. A publicación Cando eramos sostibles. Aprendendo no Barbanza as claves do futuro, é o resultado da primeira fase de investigación do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, e pode descargarse gratuitamente na páxina web barbanzaecosocial.org

Que duración deben ter os proxectos presentados?
As accións contempladas polos proxectos deben executarse en 2021.

Como se participa?
A solicitude de cada persoa ou entidade participante deberá enviarse a través do formulario dispoñible en barbanzaecosocial.org. Cada persoa ou entidade poderá presentar tantos proxectos como desexe.

Ata cando podo presentar un proxecto semente?
Ata o luns 31 de maio de 2021 ás 15:00 (CEST). A resolución publicarase o venres 18 de xuño de 2021 en barbanzaecosocial.org.

Quen selecciona os proxectos?
Un Comité de Selección, formado polo equipo do Laboratorio Ecosocial do Barbanza e por un Consello Asesor composto por expertos na materia.

Máis información
Nas bases da convocatoria, dispoñibles en barbanzaecosocial.org, e tamén a través de info@barbanzaecosocial.org

Documentación adicional

Bases legais

Tríptico resumo

Borrador do formulario