Cando éramos sostibles.
Aprendendo no Barbanza as chaves do futuro

Segunda edición ampliada de Cando eramos sostibles. Aprendendo no Barbanza as chaves do futuro

Esta publicación recolle as conclusións dos tres primeiros anos de traballo do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, un proxecto que nace para coñecer e difundir as actividades e os procesos que facían sostibles e autosuficientes ás comunidades rurais no pasado, e avaliar cales se poden replicar e adaptar ao contexto actual para promover a reactivación e frear o abandono destas áreas.

En 2021, despois dun ano de actividade no Laboratorio Ecosocial do Barbanza, publicouse a primeira edición de Cando eramos sostibles, froito da primeira fase do traballo, centrada na investigación arredor dos saberes locais e o manexo histórico do territorio.

A segunda fase do Laboratorio comezou coa posta en práctica das leccións aprendidas a través dunha convocatoria aberta para a promoción de iniciativas sostibles —denominadas proxectos semente— na península do Barbanza.

Grazas ao grande interese que espertou a publicación no seu día, en 2023 impulsamos unha segunda edición ampliada que tamén inclúe a experiencia dos tres primeiros proxectos semente do Laboratorio Ecosocial do Barbanza e establece unha folla de ruta cara ao seu futuro.


Esta segunda edición ampliada sae á venda por un prezo de 15 € sen ánimo de lucro, o que nos permite cubrir os gastos de produción e destinar 10 € por cada exemplar vendido á financiación de iniciativas agrícolas, gandeiras, forestais ou culturais sostibles no Barbanza. Podes reservar o teu exemplar —en galego, castelán ou inglés— enviando un correo a info@barbanzaecosocial.org.

Ademais, podes consultar de balde a súa versión dixital a través das seguintes ligazóns:


O Laboratorio Ecosocial do Barbanza

No momento da publicación do libro, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza estaba coordinado pola Fundación RIA e contaba co apoio do grupo HISTAGRA da  Universidad de Santiago de Compostela na parte de investigación. A edición e produción do libro foi posible grazas á cofinanciación da Fundación Banco Santander e á colaboración da Cátedra Juana de Vega.