O proxecto educativo “Escola aberta e con fume” do Laboratorio Ecosocial do Barbanza recibe un premio da Universidade das Nacións Unidas

A iniciativa, que procura achegar os montes veciñais ás aulas, foi galardoado como “Proxecto Insignia” polo Instituto para o Estudo Avanzado da Sustentabilidade con sede en Toquio. Centos de estudantes de centros de primaria e secundaria participaron durante este ano nas actividades educativas do Laboratorio Ecosocial do Barbanza.

10 de novembro 2025 – O Instituto para o Estudo Avanzado da Sustentabilidade da Universidade das Nacións Unidas ven de galardoar á iniciativa educativa “Escola aberta e con fume” do Laboratorio Ecosocial do Barbanza co seu premio “Proxecto Insignia”, dentro da 14ª edición dos Premios RCE para proxectos innovadores de educación para o desenvolvemento sustentábel.

O premio, un recoñecemento ás boas prácticas educativas e nivel mundial, foi anunciado logo da deliberación do xurado durante XIV Conferencia Global de Centros de Especialización en Educación para o Desenvolvemento Sustentábel que tivo lugar en Okayama, Xapón, a finais de outubro.

“Escola Aberta e con Fume” é un proxecto educativo que ten como obxectivo introducir nos centros escolares de Galicia actividades e contidos relacionados cos montes veciñais, recoñecendo a súa importancia territorial, cultural e ambiental. A proposta nace da necesidade de achegar ao alumnado unha realidade que ocupa arredor dun cuarto do territorio galego e que representa un modelo singular de propiedade colectiva e xestión democrática directa, exercida pola propia veciñanza.

O proxecto está coordinado pola Fundación Montescola no marco do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, unha iniciativa máis ampla centrada en promover a transición ecolóxica e a resiliencia territorial na comarca. O Laboratorio está financiado coa colaboración da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), con fondos da Unión Europea – NextGenerationEU.

As comunidades de montes veciñais constitúen unha das formas máis vivas e transformadoras de xestión comunitaria do territorio, e posúen un enorme potencial para repensar o uso da terra en clave de sustentabilidade, como oportunidade para avanzar cara a formas de xestión máis sostibles e comunitarias, superando enfoques centrados exclusivamente na explotación produtiva do territorio. Neste contexto, resulta fundamental que as xeracións máis novas —futuras comuneiras— coñezan, valoren e se vinculen co seu territorio desde a escola.

Escola Aberta e con Fume ofrece un formato flexíbel e adaptábel, tanto para educación primaria como secundaria, cunha estrutura graduada en diferentes niveis de concreción. En función das posibilidades de cada centro, o profesorado pode optar por realizar unha intervención puntual ou desenvolver o programa completo. En todos os casos, o proxecto propón unha ferramenta educativa útil para conectar a escola co seu contexto socioambiental, favorecendo no alumnado o interese polo lugar que habita e contribuíndo ao desenvolvemento da identidade e do arraigo comunitario.

Tanto a proposta para primaria como a de secundaria inclúen un caderno de actividades como complemento á visita inicial a un monte veciñal. Estes materiais, elaborados pola propia Fundación Montescola, permiten consolidar e profundar nos contidos e nas dinámicas educativas do proxecto. Os centros interesados poden solicitar exemplares impresos ao Laboratorio Ecosocial do Barbanza, que os distribúe de balde (até esgotar existencias).

Ademais, os cadernos e outras publicacións realizadas no marco do proxecto están dispoñibles para descarga gratuíta na biblioteca dixital da web do Laboratorio.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Noticias relacionadas