O Laboratorio Ecosocial do Barbanza impulsa un diálogo aberto sobre o papel da madeira galega na transición ecolóxica
A Fundación RIA, entidade coordinadora do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, organiza unha mesa redonda que busca promover o debate social e o intercambio de coñecemento arredor da madeira de proximidade como recurso estratéxico para o futuro do territorio.
31 de outubro 2025 – O xoves 6 de novembro ás 18:00h, Casa RIA (Virxe da Cerca 6, Santiago de Compostela) acollerá a mesa redonda Do monte á construción: madeira de proximidade para un futuro sostible, un encontro que reunirá representantes do sector forestal, da construción e das comunidades de montes para analizar o potencial da madeira galega como motor dunha transición ecolóxica baseada na proximidade, a innovación e a xestión responsable dos recursos naturais.
A actividade forma parte do programa público da exposición do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, un proxecto coordinado pola Fundación RIA e apoiado pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
A mesa redonda contará coa participación de Alfredo Fernández Ríos (Axencia Galega da Industria Forestal – XERA), Pepe Suárez (Hijos de Vicente Suárez), Pablo Vázquez Muñiz (Clúster da Construción de Galicia) e Alejandro J. Bacelos (Enpezas, construción modular), baixo a moderación de Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña.
No marco da xornada, a Fundación RIA impulsa tamén unha consulta pública aberta, dispoñible en liña, que convida á cidadanía a compartir opinións e percepcións sobre o papel da madeira na transición cara a unha construción sostible.
O cuestionario pretende que o debate iniciado en Casa RIA chegue á rúa, promovendo unha reflexión colectiva sobre o futuro do monte galego e o desenvolvemento das economías locais.
O programa completarase o sábado 15 de novembro ás 11:30h na Casa Forestal de Baroña (Vilar 35, Porto do Son) cunha xornada práctica de transformación de madeira, que incluirá unha demostración de maquinaria forestal e serradoiros portátiles da marca Logosol.
A actividade permitirá coñecer en directo os procesos de serrado e transformación da madeira, poñendo en valor o coñecemento técnico e comunitario asociado á xestión sostible dos montes. Colaboran a Plataforma pola Defensa do Monte, a Comunidade de Montes de Baroña e a empresa Timbertools, distribuidora oficial en España da marca Logosol.
As dúas citas forman parte do compromiso do Laboratorio Ecosocial do Barbanza por fortalecer a gobernanza territorial e crear espazos de encontro entre administracións, comunidade científica, sector produtivo e cidadanía, avanzando cara a un modelo de desenvolvemento máis xusto, resiliente e sostible.
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.