Escola aberta e con fume: nace un proxecto educativo para entender e coidar os montes veciñais

Escola Aberta e con Fume é un proxecto educativo que busca introducir nos centros escolares de Galicia actividades e contidos vinculados aos montes veciñais, recoñecendo a súa importancia territorial, cultural e ambiental. Forma parte do traballo do Laboratorio Ecosocial do Barbanza está coordinado pola Fundación Montescola.

2 de xullo 2025 – “Escola Aberta e con Fume” é un proxecto educativo que ten como obxectivo introducir nos centros escolares de Galicia actividades e contidos relacionados cos montes veciñais, recoñecendo a súa importancia territorial, cultural e ambiental. A proposta nace da necesidade de achegar ao alumnado unha realidade que ocupa arredor dun cuarto do territorio galego e que representa un modelo singular de propiedade colectiva e xestión democrática directa, exercida pola propia veciñanza.

O proxecto está coordinado pola Fundación Montescola no marco do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, unha iniciativa máis ampla centrada en promover a transición ecolóxica e a resiliencia territorial na comarca. O Laboratorio está financiado coa colaboración da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), con fondos da Unión Europea – NextGenerationEU.

As comunidades de montes veciñais constitúen unha das formas máis vivas e transformadoras de xestión comunitaria do territorio, e posúen un enorme potencial para repensar o uso da terra en clave de sustentabilidade, como oportunidade para avanzar cara a formas de xestión máis sostibles e comunitarias, superando enfoques centrados exclusivamente na explotación produtiva do territorio. Neste contexto, resulta fundamental que as xeracións máis novas —futuras comuneiras— coñezan, valoren e se vinculen co seu territorio desde a escola.

Escola Aberta e con Fume ofrece un formato flexíbel e adaptábel, tanto para educación primaria como secundaria, cunha estrutura graduada en diferentes niveis de concreción. En función das posibilidades de cada centro, o profesorado pode optar por realizar unha intervención puntual ou desenvolver o programa completo. En todos os casos, o proxecto propón unha ferramenta educativa útil para conectar a escola co seu contexto socioambiental, favorecendo no alumnado o interese polo lugar que habita e contribuíndo ao desenvolvemento da identidade e do arraigo comunitario.

Tanto a proposta para primaria como a de secundaria inclúen un caderno de actividades como complemento á visita inicial a un monte veciñal. Estes materiais, elaborados pola propia Fundación Montescola, permiten consolidar e profundar nos contidos e nas dinámicas educativas do proxecto. Os centros interesados poden solicitar exemplares impresos ao Laboratorio Ecosocial do Barbanza, que os distribúe de balde (até esgotar existencias).

Ademais, os cadernos e outras publicacións realizadas no marco do proxecto están dispoñibles para descarga gratuíta na biblioteca dixital da web do Laboratorio.

 

El Laboratorio Ecosocial do Barbanza cuenta con el apoyo de la Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) en el marco del Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado por la Unión Europea – NextGenerationEU.

Noticias relacionadas