Deseucaliptización e visita ambiental nos montes de Froxán

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza organiza unha xornada de voluntariado para a eliminación de eucaliptos nos terreos do monte veciñal de Froxán, Lousame. Esta actividade está coordinada pola Fundación Montescola, en colaboración coa CMVMC de Froxán.

17 de xuño 2025 – O vindeiro sábado 21 de xuño, a partir das 09:30 da mañá, celebrarase unha nova xornada de voluntariado para a eliminación de eucaliptos e a restauración ecolóxica no monte veciñal de Froxán, no concello de Lousame. A actividade inclúe tamén unha visita ambiental guiada, aberta a todos os públicos, que permitirá coñecer a historia, biodiversidade e procesos de recuperación deste espazo emblemático.

A iniciativa está coordinada pola Fundación Montescola, no marco do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, e conta coa colaboración da comunidade de montes de Froxán. O obxectivo é fomentar a participación cidadá na restauración de ecosistemas degradados e sensibilizar sobre os impactos das plantacións de eucalipto nos montes galegos.

Como é habitual nestas xornadas de traballo comunitario, ao rematar a actividade ofrecerase un xantar de albaroque ás persoas participantes.

A actividade é aberta e gratuíta. As persoas interesadas poden inscribirse ata o xoves 19 de xuño, enviando un correo a info@montescola.org.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Novas relacionadas