O Laboratorio devolveu ás comunidades os resultados da análise da sustentabilidade dos seus montes

A Universidade de Santiago —a través do Grupo Histagra e o CISPAC—, a Universidade de Pablo de Olavide, no marco do proxecto Laboratorio Ecosocial do Barbanza, desenvolveron unha metodoloxía específica para montes veciñais, combinando fontes históricas, traballo de campo e indicadores ambientais, sociais e económicos.

5 de junio 2025 – Durante o mes de maio celebráronse as xornadas de devolución Construíndo en comunidade, organizadas polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza en Baroña (Porto do Son), O Carballo (Friol) e Zobra (Lalín). Estes encontros desenvolvidos coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela —a través do grupo HISTAGRA e do CISPAC— e da Universidad Pablo de Olavide, serviron para compartir cos comuneiros e comuneiras os resultados da análise da sustentabilidade dos seus montes veciñais, ao tempo que se recolleron achegas e propostas para orientar, desde o coñecemento colectivo, os camiños de futuro de cada monte.

As xornadas enmárcanse nun proceso máis amplo de investigación e acompañamento iniciado polo Laboratorio en 2020, co propósito de poñer en valor as formas históricas de manexo comunal e apoiar a transición cara a modelos de xestión máis sustentables. Desde 2021 impulsáronse iniciativas prácticas baseadas na sustentabilidade, e en 2024 o proxecto foi seleccionado na convocatoria para o impulso da bioeconomía forestal da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

No marco deste proxecto, as universidades levaron a cabo unha análise en profundidade de tres comunidades piloto: Baroña, O Carballo e Zobra. O traballo combinou fontes históricas, documentación comunitaria, entrevistas e visitas de campo, e adaptou a metodoloxía do metabolismo social á escala dos montes veciñais para avaliar a súa sustentabilidade desde unha perspectiva ambiental, social e económica, así como os servizos agroecosistémicos que proporcionan.

Esta análise permitiu desenvolver unha metodoloxía propia, que será agora aplicada no acompañamento ás comunidades de montes de Rianxo —integradas na Plataforma pola Defensa do Monte— no seu proceso de transición cara a unha maior sustentabilidade. A diagnose de cada monte baséase nun diálogo estreito coas persoas comuneiras, así como no estudo da cartografía e da documentación histórica e actual.

No caso das tres comunidades piloto, analizouse a evolución histórica do uso dos montes, desde o seu papel como soporte dos agroecosistemas tradicionais ata os procesos de forestación durante a ditadura e a posterior recuperación como espazos multifuncionais ao servizo das comunidades. Os resultados actuais recollen unha ampla variedade de usos: produción de madeira, gandaría extensiva, apicultura, actividades recreativas e culturais, conservación ambiental ou xeración de enerxía eólica. Estes usos foron valorados en termos de servizos ecosistémicos cun enfoque integral.

A análise metabólica –cuantificación de insumos, biomasa socializada, produtividade enerxética…– e agroecosistémica –servizos como a provisión de auga, fixación de carbono, actividades culturais, xeración de emprego– ofrece resultados moi relevantes acerca do valor dos montes veciñais para a sustentabilidade e o futuro dos espazos rurais.

Ademais da análise cuantitativa, elaboráronse mapas de usos que recollen as funcións produtivas (madeira, pastos, apicultura), sociais (recreación, festas, educación), ambientais (biodiversidade, fixación de carbono) e patrimoniais de cada monte. Toda esta información, construída con metodoloxías participativas, busca reforzar a capacidade de decisión das CMVMC, mellorar a súa autonomía nas relacións coa administración e contribuír á planificación de futuros posibles.

As xornadas permitiron identificar retos comúns e fortalecer o coñecemento compartido entre as comunidades. Esta primeira fase de traballo coas comunidades piloto serviu como base sólida para estender a metodoloxía a outras CMVMC, especialmente ás de Rianxo, cunha vontade clara de construír ferramentas útiles e adaptadas á realidade de cada territorio.

El Laboratorio Ecosocial do Barbanza cuenta con el apoyo de la Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) en el marco del Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado por la Unión Europea – NextGenerationEU.

Noticias relacionadas