Coñecer para coidar: dous Bioblitz en Rianxo axudan a recoñecer a biodiversidade local

A Fundación Montescola organizou esta primavera, no marco do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, dúas xornadas de Bioblitz no concello de Rianxo. Estas actividades están orientadas a introducir novas ferramentas que contribúan á xestión sustentable dos ecosistemas e ao fortalecemento da conexión entre territorio e comunidade.

5 de xuño 2025 – No marco do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, a Fundación Montescola organizou esta primavera dúas novas xornadas de Bioblitz no concello de Rianxo, nas parroquias do Araño (20 de abril) e Leiro (11 de maio). Estes encontros únense ao primeiro Bioblitz celebrado en 2024 no monte de Baroña (Porto do Son), consolidando esta ferramenta como unha das liñas estratéxicas de traballo en innovación comunitaria dentro do proxecto. O seu obxectivo común: facer visibles os valores naturais do territorio a través da observación directa e participativa, coa colaboración de persoas expertas e da veciñanza.

Un Bioblitz é unha actividade de ciencia cidadá na que, durante un período de tempo limitado, se identifican e catalogan o maior número posible de especies vivas nunha área concreta. A súa utilidade vai máis alá do rexistro puntual: axuda a fomentar o coñecemento da biodiversidade local, a crear conciencia sobre os valores ecolóxicos e a xerar información útil para a toma de decisións ambientais.

As tres xornadas realizadas ata o momento no Barbanza contaron con participación diversa e complementaria, que permitiu abordar a biodiversidade desde distintas disciplinas. Nos encontros de Araño e Leiro participaron:

  • Anxo Vela, naturalista local, acompañou en todas as xornadas celebradas ata o momento.
  • Helena Rodríguez Domínguez (Moaña), doutora en Bioloxía, especializada en parasitoloxía de peixes e gran coñecedora de botánica e liquenoloxía, presente nas dúas xornadas.
  • Jesús Tizón Taracido (Vigo), afeccionado á entomoloxía, que participou activamente na identificación de insectos nos dous encontros.
  • Miguel Conde Teira (A Pobra do Caramiñal), biólogo e ornitólogo, participante na xornada do Araño.
  • Santi Corral Estévez (Bueu), micólogo de campo e presidente da Asociación Micolóxico-Naturalista Liboreiro, tamén presente no Araño.

Estes Bioblitz amosan o seu potencial como ferramenta de diagnóstico, divulgación e dinamización comunitaria. A súa incorporación ao traballo das comunidades de montes e doutros actores locais pode ser clave para fortalecer a conexión co territorio e orientar decisións sobre recuperación ambiental, control de especies invasoras ou valorización dos ecosistemas. Como destacou a bióloga Helena Rodríguez Domínguez durante unha das xornadas: “Non se pode protexer o que non se coñece”. Nesa mesma liña, o experto local Anxo Vela, que acompañou todas as xornadas, sinalaba a importancia de “poñerlle nome ao que temos arredor”.

Bioblitz no Araño

Celebrado nun espazo de bosque autóctono e de ribeira, o encontro permitiu documentar unha gran variedade de especies:

  • Aves: 13 especies identificadas, destacando o merlo rieiro (Cinclus cinclus), asociado a ríos limpos.
  • Flora: Presenza do endemismo Echium lusitanicum, con poboacións únicas na comarca. Tamén se identificaron violetas, narcisos, paxariños (Linaria triornithophora) e bosque autóctono ben conservado.
  • Fentos: Riqueza notable, con especies como Osmunda regalis, Struthiopteris spicant e Davallia canariensis.
  • Liques: Identificáronse numerosas especies grazas ao coñecemento especializado do grupo, como Sticta limbata ou Cladonia squamosa.
  • Insectos: 23 observacións de 22 especies rexistradas por Jesús Tizón, destacando a Vanessa atalanta (bolboreta migradora).
  • Fungos: A seca reduciu a presenza, detectándose só Mitrula paludosa.
  • Especies exóticas invasoras: Alta presenza, con especies como Acacia dealbata ou Tradescantia fluminensis.

Bioblitz en Leiro

A xornada percorreu unha gran diversidade de hábitats: zonas costeiras, bosques, regatos e espazos alterados pola presenza humana.

  • Flora: A destacar a presenza de dúas orquídeas (Serapias lingua e cordigera), únicas coñecidas no concello. Tamén especies de interese como Scilla monophylos, Genista triacanthos, Sibthorpia europaea e Zostera noltii (na enseada da Sebeira).
  • Fentos: Gran diversidade, incluíndo Asplenium adiantum-nigrum e Polystichum setiferum.
  • Especies exóticas invasoras: Moi presentes, con exemplares como Phytolacca americana, Chasmanthe floribunda, Reynoutria japonica e Melianthus major, especie rara, pero con potencial invasor.
  • Insectos: 20 observacións de 18 especies, entre elas Graphosoma italicum (chinche ornamental), Melitaea deione, Pararge aegeria, Zygaena trifolii (polilla velenosa), Cydalima perspectalis (invasora) e a vistosa Oedemera nobilis.

 

Desde a Fundación Montescola e o Laboratorio Ecosocial do Barbanza, seguiremos impulsando espazos nos que observar, aprender e actuar vaian da man. Estas xornadas contribúen a reforzar a conexión entre coñecemento científico, saber local e coidado do territorio. Se formas parte dunha comunidade de montes do Barbanza e queres organizar un Bioblitz, podes escribirnos a: info@montescola.org.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Noticias relacionadas