Escola aberta e con fume: Caderno para profesorado de Educación Secundaria
O Laboratorio presenta unha nova guía pedagóxica do proxecto Escola aberta e con fume, coordinado pola Fundación Montescola. Este caderno de actividades escolares está dirixido ao profesorado de Educación Secundaria.
27 de maio 2025 – Este documento é un material didáctico elaborado pola Fundación Montescola no marco do Laboratorio, dirixido ao profesorado de educación secundaria. Está deseñado para introducir nos centros educativos o coñecemento sobre as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) e promover unha educación contextualizada, ligada ao territorio, ao medio ambiente e á participación democrática.
Serve como base para implementar o proxecto educativo Escola aberta e con fume, que promove:
- A vinculación da escola co seu contorno socioambiental.
- O coñecemento das CMVMC como modelo de autoxestión colectiva do territorio.
- A aprendizaxe baseada na participación, a sustentabilidade e a democracia directa.
- O deseño de actividades prácticas e vivenciais (visitas a montes, dinámicas asemblearias, accións de coidado do medio, etc.).
O documento estrutúrase en bloques temáticos con actividades progresivas, adaptables a distintos contextos escolares, e inclúe recursos adicionais na súa “Activiteca”. É unha ferramenta educativa innovadora para formar unha cidadanía activa, crítica e arraigada ao territorio.
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
Coordinado pola Fundación RIA, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza é un proxecto dedicado a promover a transición cara á sustentabilidade ambiental e a fortalecer a resiliencia na xestión territorial dos montes do Barbanza.