A madeira como motor local: o Araño acolle a terceira xornada de transformación do Laboratorio Ecosocial do Barbanza

Este sábado 10 de maio celébrase no Campo da Festa do Arañoa terceira xornada de transformación de madeira en Rianxo enmarcada dentro das actividades do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, e organizada pola Plataforma pola Defensa do Monte, en colaboración coas comunidades de montes do Araño e Baroña, e a Asociación Cultural A Carballeira de Baia.

8 de mayo 2025 – Este sábado 10 de maio celebrarase no Centro cultural A Capela no Araño, a terceira xornada de transformación de madeira en Rianxo. A iniciativa está organizada pola Plataforma pola Defensa do Monte, en colaboración coas comunidades de montes do Araño e Baroña, e a Asociación Cultural A Carballeira de Baia.

Esta xornada forma parte dun ciclo de eventos impulsados polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza para fomentar o aproveitamento da madeira local e visibilizar a súa transformación no propio territorio. Contará con demostracións de maquinaria forestal, un faladoiro con profesionais do sector e a presentación dos avances do Laboratorio en materia de aproveitamento sostible do monte.

Ciclo de eventos do Laboratorio para impulsar o ciclo curto da madeira.

Na primeira destas xornadas, celebrada o pasado 22 de abril en Leiro (Rianxo), o serradoiro móbil da Comunidade de Montes de Baroña mostrou a súa capacidade para transformar madeira local, nun evento que contou coa participación de máis de 50 persoas, incluíndo alumnado e profesorado de obradoiros de emprego de Ribeira, Porto do Son e Boiro. Durante esa xornada, veciños e veciñas de Rianxo achegaron madeira para a súa transformación en directo, poñendo en valor o ciclo curto e comunitario. Asunción Piñeiro, titora do obradoiro de forestal no Tahume, sinalou: “Foi unha experiencia moi positiva; o alumnado veu encantado de poder ver aplicacións prácticas da súa formación”.

A segunda xornada celebrouse tamén en Leiro, centrada na transformación de madeira da Comunidade de Montes para a mellora das infraestruturas destinadas ao gando mancomunado. Esta actividade evidenciou o potencial da madeira local para crear solucións prácticas e sostibles, poñendo en valor o traballo comunitario e o aproveitamento directo do monte. Rafael Saco, presidente da Plataforma pola Defensa do Monte, destacou a relevancia da iniciativa, afirmando que “é fundamental apostar polas novas producións e pola transformación da madeira nos propios montes, co obxectivo de mellorar o aproveitamento a escala local e poñer en valor os recursos propios de cada comunidade”.

Esta terceira xornada no Araño busca consolidar ese traballo, promovendo o coñecemento arredor da transformación local da madeira e o seu aproveitamento sostible. Unha experiencia práctica para entender o ciclo completo da madeira a pequena escala: desde a produción en novas plantacións, á transformación de madeira no serradoiro móbil, ata o uso final en peches para o gando, mobiliario ou mesmo embarcacións tradicionais.

Durante a xornada haberá unha zona gastronómica con opcións para xantar ou petiscar, creando un espazo festivo e de encontro para todas as persoas asistentes.

Faladoiro “A madeira do monte ao mar”

O faladoiro contará coa participación de profesionais vinculados á transformación da madeira e á xestión comunitaria do monte, que buscarán poñer en valor os modelos de xestión sostible e comunitaria, ao tempo que se exploran novas vías de aproveitamento da madeira no territorio.

Entre eles, Ramón Collazo, carpinteiro de ribeira e presidente da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (AGALCARI), impulsor do uso da madeira local na construción de embarcacións tradicionais dende o Estaleiro Catoira de Rianxo. Tamén estará presente Rodrigo Mosquera, artesán ebanista e fundador de TresOficios, recoñecido polo seu traballo en pezas únicas de madeira maciza e pola súa defensa dos sistemas construtivos tradicionais.

A xestión forestal comunitaria estará representada por Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña e impulsor do serradoiro móbil, unha ferramenta clave para pechar o ciclo produtivo da madeira no propio monte. Xunto a el, participará Emilio Saborido, presidente da Comunidade de Montes de O Fieitoso (Taragoña) e profesional do sector forestal, cunha ampla experiencia en transformación e aproveitamento sostible da madeira.

Finalmente, intervirá Pepe Suárez, do Serradoiro Hijos de Vicente Suárez, unha empresa con máis de 20 anos de traxectoria especializada en madeira de batea, un exemplo destacado de economía circular e valorización dos recursos locais.

Axenda da xornada

10:00 h – Demostración de uso do serradoiro móbil Logosol

Coordinada pola Comunidade de Montes de Baroña

 

11:00 h – Presentación dos avances do proxecto do Laboratorio Ecosocial do Barbanza

Con intervencións de:

  • Lucía Saborido | Comunidade de Montes de Araño
  • Rafael Saco | Plataforma pola Defensa do Monte
  • Adrián Capelo | Fundación RIA

 

12:00 h – Faladoiro “A madeira do monte ao mar”

Con intervencións de:

  • Ramón Collazo | Estaleiro Catoira de Rianxo
  • Rodrigo Mosquera | TresOficios
  • Ovidio Queiruga | Comunidade de Montes de Baroña
  • Emilio Saborido | Comunidade de Montes de O Fieitoso de Taragoña
  • Pepe Suárez | Serradoiro Hijos de Vicente Suárez

 

16:00 h – Demostración de uso do serradoiro móbil Logosol

Coordinada pola Comunidade de Montes de Baroña

El Laboratorio Ecosocial do Barbanza cuenta con el apoyo de la Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) en el marco del Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado por la Unión Europea – NextGenerationEU.

Noticias relacionadas