Achegando valor na madeira de Rianxo: dúas xornadas abertas en Leiro e Araño

A Plataforma pola Defensa do Monte organiza dúas xornadas en Leiro e Araño para promover o aproveitamento local da madeira mediante o uso dun serradoiro portátil, ofrecendo demostracións prácticas, actividades abertas á veciñanza e a posibilidade de transformar madeira propia.

18 de abril 2025 – A Plataforma pola Defensa do Monte, no marco do proxecto do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, impulsa dúas novas xornadas demostrativas centradas na transformación da madeira e o uso de serradoiro portátil. A primeira terá lugar o martes 22 de abril na Comunidade de Montes de Leiro, e a segunda na Comunidade de Montes do Araño con data aún por definir, ambas en Rianxo. O serradoiro portátil, da marca Logosol, está cedido pola Comunidade de Montes de Baroña e será o seu persoal quen guíe as demostracións.  

Estas xornadas dan continuidade á experiencia realizada en marzo en Baroña (Porto do Son), cun obxectivo claro: promover o aproveitamento local da madeira e explorar alternativas sustentables á produción forestal, poñendo en valor os recursos do monte dende unha perspectiva social, ambiental e comunitaria.

A sesión do día 22 incluirá unha demostración práctica do uso do serradoiro portátil, coa participación de 40 alumnos de centros educativos do Barbanza. Pola súa banda, a xornada no Araño espérase que teña un carácter máis aberto e festivo, dirixida á veciñanza e ao conxunto da comunidade.

Ademais das demostracións prácticas e actividades abertas á veciñanza, ofrécese a posibilidade de que particulares ou comunidades transforman a súa madeira no tempo que o serradoiro está en Rianxo. As persoas interesadas poden poñerse en contacto co proxecto para valorar a viabilidade e coordinar a súa participación. Se queres cortar a túa madeira, escribe a info@barbanzaecosocial.org para coordinar a túa participación.

 

Xornada demostrativa de uso de serradoiro portátil en Leiro

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza organiza unha xornada demostrativa sobre o uso dun serradoiro portátil na Comunidade de Montes de Leiro, co obxectivo de promover a transformación da madeira para uso local.

Martes 22 de abril

A partir das 10h

Praza da Veliña en Leiro, Rianxo
Lugar de Rañó, Rianxo, 15928 Leiro, A Coruña

 

 

El Laboratorio Ecosocial do Barbanza cuenta con el apoyo de la Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) en el marco del Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado por la Unión Europea – NextGenerationEU.

Noticias relacionadas