Bioblitz no Araño: ciencia cidadá para descubrir a biodiversidade local
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza organiza unha xornada de identificación participativa de biodiversidade, coordinada por Fundación Montescola coa colaboración da CMVMC do Araño.
14 de abril 2025 – O vindeiro domingo 20 de abril, ás 10:30 da mañá, celebrarase unha nova xornada de ciencia cidadá no monte do Araño (Rianxo), promovida polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza. O punto de encontro será o Campo da Festa do Araño, desde onde partirá a actividade.
A actividade está coordinada por Fundación Montescola coa colaboración da Comunidade do Monte Veciñal en Man Común do Araño, que apoia esta iniciativa de valorización e coñecemento do seu patrimonio natural.
Un Bioblitz é unha unha xornada de identificación participativa de biodiversidade na que persoas expertas e veciñanza colaboran para rexistrar o maior número posible de especies presentes nun espazo natural nun tempo limitado. A actividade contará cun grupo multidisciplinar de expertas en botánica, entomoloxía, ornitoloxía e micoloxía.
Está aberta a todos os públicos, sen necesidade de coñecementos previos, e pretende achegar a biodiversidade local á cidadanía. As persoas interesadas poden inscribirse até o venres 18 de abril, enviando un correo electrónico a info@montescola.org.
O monte do Araño atesoura zonas de moi alto valor ambiental, aínda pouco coñecidas, como o curso medio e alto do río Te e o seu val, onde se atopa o Pozo Bastón, ou o val que forma o rego do Muíño do Conde, espazos de gran interese ecolóxico e paisaxístico.
El Laboratorio Ecosocial do Barbanza cuenta con el apoyo de la Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) en el marco del Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado por la Unión Europea – NextGenerationEU.