Voluntariado, xantar e festa popular no monte de Araño

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza organiza unha xornada de voluntariado para a eliminación de acacia nos terreos do monte veciñal do Araño. Esta actividade está coordinada pola Fundación Montescola, en colaboración coa CMVMC de Araño e a Asociación Cultural A Carballeira de Baia.

7 de abril 2025 – O sábado 12 de abril, ás 10:00 da mañá, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza organiza unha nova xornada de voluntariado ambiental para retirar acacia dos terreos do monte veciñal do Araño. O punto de encontro será no Campo da Festa do Araño.

A actividade está coordinada por Montescola, entidade responsable das accións de educación ambiental, voluntariado e dinamización comunitaria no marco do Laboratorio Ecosocial do Barbanza. Contará ademais coa colaboración da Comunidade de Montes do Araño, propietaria dos terreos, e da Asociación Cultural A Carballeira de Baia, encargada de dar continuidade á xornada cunha proposta festiva aberta a toda a veciñanza.

A xornada está aberta a persoas de todas as idades e ten como obxectivo concienciar sobre o impacto das especies invasoras, contribuíndo á recuperación ecolóxica do monte. Ao finalizar o traballo, as persoas voluntarias serán convidadas a un xantar de albaroque, seguido de música tradicional, xogos populares e baile no Souto de Buía (antiga escola).

A actividade coincidirá coa xa tradicional Festa da Salchicha, organizada pola Asociación Cultural A Carballeira de Baia, que comezará ao rematar o voluntariado, tamén no Souto. O programa inclúe degustación de salchichas, actuación dos gaiteiros Os Pequenos do Barbansa, xogos populares, bingo e baile para todos os públicos.

As persoas interesadas poden inscribirse ata o xoves 10 de abril, enviando un correo electrónico a info@montescola.org.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Noticias relacionadas