
Aproveitamento sostible do monte e transformación da madeira a escala local
A xornada sobre transformación da madeira celebrada este sábado en Baroña puxo en valor o aproveitamento sostible do monte a escala local. Foi organizada pola Plataforma pola Defensa do Monte xunto á Comunidade de Montes de Baroña, no marco do proxecto Laboratorio Ecosocial do Barbanza.
31 de marzo 2025 – A Casa Forestal de Baroña acolleu o pasado sábado unha xornada arredor do aproveitamento sostible do monte e da transformación da madeira a pequena escala. Foi unha mañá de aprendizaxe e encontros, organizada pola Plataforma pola Defensa do Monte e a Comunidade de Montes de Baroña, dentro do Laboratorio Ecosocial do Barbanza —un proxecto impulsado pola Fundación RIA e apoiado pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no contexto do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
Ao longo da xornada, veciñanza da comunidade de montes de Baroña e profesionais chegados de distintos puntos de Galicia —e mesmo de fóra— achegáronse para coñecer de primeira man as posibilidades que ofrece a transformación da madeira a pequena escala. O encontro puxo o foco na importancia dun aproveitamento forestal arraigado ao territorio, capaz de xerar valor engadido a partir dos recursos madeireiros locais.
Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña, destacou o potencial destas ferramentas para o ámbito comunitario: “Queremos que outras comunidades de montes aposten por maquinaria coma esta, como o noso serradoiro portátil, que lles permita facer as súas propias táboas e vigas, para construír casetas para o gando ou peches, por exemplo”.


Un dos principais atractivos do día foron as demostracións de maquinaria forestal, onde se puideron ver en funcionamento serradoiros portátiles Logosol, biotrituradoras de ramas Amura e motoserra Husqvarna, entre outras ferramentas. Estas demostracións foron posibles grazas á colaboración das distribuidoras Timber Tools, chegada dende Valencia, así como Recambios Blanco e Agrícola Rodríguez, da contorna de Noia e Porto do Son, que cederon persoal técnico e equipamento.
Outro momento clave da xornada foi o faladoiro “Do monte á industria”, un espazo de testemuños cruzados entre xeracións, onde se falou da perda da cadea de valor local e das oportunidades de recuperala. Francisco, de Maderas Romero Cambeiro, afirmaba: “Antes había moitos serradoiros, a madeira traballábase aquí. A riqueza quedaba no territorio e iso hoxe estámolo a perder”.
José Manuel Silva, de Silva Forestal e presidente da Comunidade de Montes de Xuño, insistiu no mesmo: “A nosa madeira non se valora, estamos a regalala, e quen traballa no monte —nas limpezas, nas cortas, na venda— necesita apoio. Sen esas persoas e sen unha valoración xusta dos nosos recursos, non hai monte vivo”.
Houbo tamén tempo para falar de cultura e oficio. Ramón Collazo, de estaleiros Catoira e presidente da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (AGALCARI), reivindicou a identidade ligada ao saber facer tradicional: “Temos que manter vivos os oficios ligados ao mar e á terra”. Rodrigo Mosquera, artesán de TresOficios, foi claro: “Non podo mercar madeira dunha comunidade de montes ou dun pequeno serradoiro, necesitamos madeira boa e de aquí ao lado”.
A xornada pechouse cunha reflexión aberta por parte de Rafael Saco, presidente da Plataforma pola Defensa do Monte: “Pasamos dun monte sobreexplotado a un monte infrautilizado. Temos que recuperar un modelo multifuncional, vivo, que nos conecte co territorio”. E engadiu: “Proxectos como o Laboratorio Ecosocial do Barbanza axudan a poñer en común coñecemento e enerxía para imaxinar outro futuro posible para o monte”.


Próximas actividades en Rianxo
As accións arredor da madeira continuarán no mes de abril no concello de Rianxo. O martes 22 celebrarase unha nova demostración técnica na parroquia de Isorna, dirixida a estudantes e profesionais do sector. O domingo 27 terá lugar unha xornada aberta ao público na parroquia de Araño, con formato máis festivo e participativo, pensada para todos os públicos.
Durante esa semana, o serradoiro portátil da Comunidade de Montes de Baroña permanecerá instalado en Rianxo, ofrecendo a particulares e comunidades de montes a posibilidade de utilizalo. As persoas interesadas deberán inscribirse previamente a través do correo: info@barbanzaecosocial.org
El Laboratorio Ecosocial do Barbanza cuenta con el apoyo de la Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) en el marco del Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado por la Unión Europea – NextGenerationEU.