Baroña acolle unha nova xornada sobre o uso sostible da madeira no marco do Laboratorio Ecosocial do Barbanza

O vindeiro sábado 29 de marzo, a Casa Forestal de Baroña, en Porto do Son, acollerá unha xornada arredor do mundo da madeira, organizada pola Plataforma pola Defensa do Monte dentro do proxecto Laboratorio Ecosocial do Barbanza, contando coa colaboración da Comunidade de Montes de Baroña.

24 de marzo 2025 – Dentro do proxecto “Laboratorio Ecosocial do Barbanza. Un laboratorio vivo para a xestión multifuncional e a custodia colectiva do territorio” continúase coa labor de formación e sensibilización dirixida a técnicos, comunidades de montes e á poboación en xeral, cunha nova xornada demostrativa centrada na madeira e no seu aproveitamento sostible.

A cita será o sábado 29 de marzo na Casa Forestal de Baroña, en Porto do Son, que acollerá unha xornada centrada no sector da madeira. A programación permitirá ao público achegarse a este mundo, coñecer os seus procesos e comprender a importancia dun aproveitamento forestal que dea resposta ás necesidades de artesáns e profesionais vinculados ao sector.

Esta actividade forma parte da Acción 3 do proxecto do Laboratorio, que coordina a Plataforma pola Defensa do Monte, coa colaboración da Comunidade de Montes de Baroña, que pon á disposición o seu serradoiro portátil como ferramenta clave para a valorización da madeira de proximidade e a recuperación dun modelo de xestión forestal sostible. Ambas entidades están a colaborar para impulsar un futuro no que a madeira e a súa transformación contribúan ao desenvolvemento local baseado nos montes.

Un dos pratos fortes do evento será a participación da empresa Timber Tools, distribuidora oficial de Logosol, que se desprazará desde Valencia para ofrecer unha exhibición de maquinaria forestal, presentar as últimas novidades en serradoiros portátiles e ofrecer asesoramento técnico especializado, así como descontos exclusivos durante o evento. Haberá dous pases demostrativos, un ás 10:00 h para técnicos e profesionais e outro ás 16:00 h para o público xeral.

Ás 12:00 h dará comezo o faladoiro “do monte á industria”, no que profesionais do sector da madeira compartirán a súa experiencia e visión nun formato de intervencións breves, seguidas dunha rolda de preguntas aberta ao público. Trátase de promover o mantemento de coñecementos e prácticas tradicionais que, malia estaren en risco de desaparición, representan unha verdadeira economía verde e circular enraizada no territorio. Participarán:

  • Francisco M. Romero González | Maderas Romero Cambeiro: empresa cunha traxectoria de máis de 60 anos na transformación de madeira e que actualmente elaboran palets. A súa visión achegará unha perspectiva industrial do sector madeireiro en Galicia.
  • José Manuel Silva Ferreira | Silva Forestal: silvicultor e presidente da Comunidade de Montes de Xuño, con ampla experiencia na xestión e aproveitamento forestal comunitario. Representará a visión dos profesionais que traballan en servicios forestais (plantacións e limpezas) e compra e venta de madeira.
  • Ramón Collazo Mosquera | Estaleiro Catoira de Rianxo: recoñecido carpinteiro de ribeira e presidente da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (AGALCARI). Promove o uso da madeira local na construción de embarcacións tradicionais, unindo tradición, cultura e innovación.
  • Rodrigo Mosquera | TresOficios: artesán ebanista, especializado en deseño e elaboración de pezas únicas de madeira maciza. Defensor dos sistemas construtivos tradicionais, destaca tamén pola súa labor divulgativa a través de charlas e obradoiros.

Durante o evento, as persoas que asistan poderán desfrutar dunha zona gastronómica con opcións para petiscar e xantar. Así mesmo, haberá unha exposición de artesanía local, no que se poderá descubrir produtos únicos elaborados por profesionais da contorna.

Xornada de Transformación da Madeira en Baroña

Sábado 29 de marzo
Casa Forestal de Baroña, Porto do Son
Vilar, 35, 15979 Porto do Son, A Coruña

Axenda da xornada

10:00 a 12:00 h    1º pase: Demostración do uso de maquinaria forestal

  • Serradoiros portátiles. Coordinada por Timber Tools, distribuidora oficial de LOGOSOL
  • Motoserras eléctricas e de combustión HUSQVARNA
  • Biotrituradora de ramas de Amura
  • Tronzadora de leña de Benza

12:00 a 13:30 h  Faladoiro con profesionais do sector da madeira “Do monte á industria”. Con intervencións de:

  • Francisco M. Romero (Maderas Romero Cambeiro)
  • Rodrigo Mosquera (TresOficios)
  • José Manuel Silva (Silva Forestal)
  • Ramón Collazo (Estaleiro Catoira de Rianxo)

Moderada por Ovidio Queiruga, presidente da CMVMC de Baroña.

13:30 a 16:00 h     Pausa para comer con distintas opcións

16:00 a 18:00 h    2ºpase: Demostración del uso de maquinaria forestal (repetición do pase da mañá)

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Noticias relacionadas