Obradoiro de prospectiva comunitaria para imaxinar colectivamente o futuro dos montes

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza organiza en Baroña un obradoiro de prospectiva comunitaria para imaxinar colectivamente o futuro dos seus montes e definir accións concretas para facelo realidade. A actividade está coordinada pola Fundación Montescola, responsable do deseño desta metodoloxía innovadora no marco do proxecto.

4 de marzo 2025 – O Laboratorio Ecosocial do Barbanza organiza en Baroña un obradoiro de prospectiva comunitaria para axudar ás Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) a visualizar colectivamente o futuro dos seus montes e transformar esa visión en accións concretas no presente. A xornada está coordinada pola Fundación Montescola, entidade especializada na educación ambiental e dinamización comunitaria e que deseñou a metodoloxía.

O obradoiro propón un enfoque participativo para que as comunidades poidan imaxinar como desexarían que fose o seu monte dentro de 30 anos, creando un Plan de Acción Comunitaria que marque os pasos necesarios para alcanzar esa visión. Esta primeira xornada en Baroña servirá como piloto para unha serie de 10 obradoiros que se desenvolverán ata decembro nas CMVMC de Rianxo e Lousame, coa participación prevista dun cento de persoas.

A programación do obradoiro inclúe sesións de traballo pola mañá, un xantar comunitario con produtos do monte, unha visita de campo e a redacción do Plan de acción comunitaria de Baroña, un documento que recollerá a estratexia compartida pola veciñanza para facer realidade o seu futuro ideal. A facilitación correrá a cargo de tres técnicas da Fundación Montescola, que guiarán o proceso participativo.

Espérase a participación de 20 persoas de todas as idades, tanto comuneiras como non comuneiras. Aquelas persoas interesadas deberán inscribirse previamente enviando un correo electrónico a info@montescola.org ata o xoves 5 de marzo inclusive.

O Laboratorio acaba de publicar a “Guía de facilitación para imaginar los montes vecinales del futuro”, dispoñible para descarga gratuíta na súa páxina web. Esta guía ofrece un enfoque detallado e práctico para que outras comunidades poidan replicar e adaptar a metodoloxía.

 

Baroña 2055: o monte que soñamos

O Laboratorio fai un chamamento á participación na xornada de prospectiva comunitaria para imaxinar o monte veciñal do futuro. Esta actividade está aberta á participación de todos os públicos e ideades. 

Sábado 8 de marzo a partir das 10h

Casa Forestal de Baroña, Porto do Son
Vilar, 35, 15979 Porto do Son, A Coruña

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Noticias relacionadas