Educando para un futuro sostible dos montes de Rianxo

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza organiza a cuarta xornada educativa no mes de febreiro en colaboración con centros do municipio de Rianxo e coordinadas pola Fundación Montescola.

28 de febreiro 2025 – O Laboratorio Ecosocial do Barbanza celebrou a cuarta xornada educativa deste mes de febreiro, desta vez no monte de Isorna, coa participación do alumnado de sexto de primaria do CEIP ADR Castelao de Rianxo. A actividade foi coordinada por Fundación Montescola, en colaboración coa Comunidade de Monte Veciñal en Man Común (CMVMC) de Isorna e a Plataforma pola Defensa do Monte, contando tamén co valioso apoio do Distrito Forestal do Barbanza.

A xornada estivo repleta de actividades didácticas destinadas a fomentar a conciencia ambiental e o coñecemento sobre a xestión forestal sostible. Un dos momentos máis destacados foi a plantación de frondosas autóctonas, na que o estudantado participou activamente, contribuíndo así á recuperación ecolóxica do monte.

Para facilitar esta tarefa, unha cuadrilla especializada do Distrito Forestal acompañou ao grupo, proporcionando axuda na plantación e organizando unha interesante demostración do funcionamento dunha motobomba. As nenas e nenos tiveron incluso a oportunidade de experimentar de primeira man o uso dunha mangueira, o que lles permitiu entender mellor o importante labor de prevención e extinción de incendios.

Este tipo de iniciativas permiten aos centros educativos incorporar accións no monte aos seus programas, achegando ás novas xeracións á realidade da xestión forestal sostible e sensibilizándoas sobre a importancia da protección dos nosos ecosistemas locais.

Lucía R. Cao, representante da Fundación Montescola, destacou a relevancia destas actividades: “É fundamental transmitir ás crianzas a importancia de traballar no monte, xa que son o futuro das comunidades.” Esta entidade, socia do proxecto do Laboratorio, leva anos promovendo o coñecemento e o coidado da natureza, así como o valor do traballo comunitario no monte. Estas accións divulgativas fomentan o respecto polo medio ambiente e fortalecen o sentimento de pertenza ao territorio.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Noticias relacionadas