Implicación veciñal no avance da transición enerxética local en Baroña
O pasado mércores 19 de febreiro celebrouse en Baroña o terceiro encontro aberto para a creación dunha comunidade enerxética no Barbanza, coordinada pola USC (a través do CISPAC e o grupo de investigación Histagra) coa colaboración do Observatorio Eólico de Galicia.
21 de febrero 2025 – O pasado 19 de febreiro, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza organizou o terceiro encontro aberto para a creación dunha comunidade enerxética, nesta ocasión a partir do interese da Comunidade de Montes de Baroña, en Porto do Son. O evento, enmarcado na acción 1 do Laboratorio, foi coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través do CISPAC e do grupo de investigación Histagra, en colaboración co Observatorio Eólico de Galicia (OEGA).
O encontro celebrouse no local da comunidade de montes e contou coa dinamización de Xavier Simón, catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo e representante do OEGA. Compartíronse as claves para o desenvolvemento de comunidades enerxéticas: a existencia de recursos naturais, dispoñibilidade de tecnoloxía accesible, a presenza de cidadanía enerxética e o amparo dun marco regulador destas iniciativas. Durante a súa intervención, Simón destacou o gran potencial da comarca para desenvolver proxectos de enerxía solar comunitaria: “O sol é noso, é de todos. O importante é saber se temos recursos, e si que os temos. En Baroña pódese producir máis enerxía da que se consume, baseándonos nos datos de 2019”.
A iniciativa propón un modelo de autoconsumo colectivo, permitindo que os veciños compartan enerxía renovable e reduzan os seus custos enerxéticos. Ademais, o proxecto contempla unha xestión comunitaria na que os excedentes de enerxía xerada poderían xerar compensacións económicas: “Cando a produción de enerxía sexa superior ao consumo, non pagaremos nada pola electricidade. Ademais, polo excedente vertido á rede, cada persoa usuaria recibirá unha compensación na súa factura. No caso de que a autoprodución non cubra o consumo necesario, seguiremos conectados á rede para garantir o subministro enerxético.”
Un dos puntos máis importantes do proxecto é a viabilidade económica e técnica. A instalación de paneis solares nos tellados resulta máis eficiente e sustentable que a instalación de terras cultivables. En Porto do Son existen arredor de 12 hectáreas de tellados con boa orientación e sen afección patrimonial. “A pequena escala, as placas solares son máis accesibles que outro tipo de instalacións. É unha oportunidade para o rural galego”, apuntou Simón.
Máis de 80 persoas asistiron á xornada, demostrando o crecente interese na comarca. Simón subliñou a importancia de dimensionar correctamente a instalación e recomendou iniciar con proxectos de pequena escala, construíndo progresivamente unha nova mentalidade de consumo enerxético: “O noso forte será ao mediodía. Temos que cambiar a mentalidade e consumir máis cando hai máis sol”.
A colaboración comunitaria presenta ademais vantaxes económicas significativas. Ao compartir investimentos en inversores e outros equipos, o aforro na factura da luz pode ser substancial, especialmente cando se integran diferentes perfís de consumo.
Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña, afirmou que “Non hai que facer ningunha obra na casa, nin cambiar de empresa comercializadora. O reto é adaptarse a unha nova mentalidade, aproveitando as horas de máis sol para optimizar o consumo enerxético”.
En Galicia existen poucas comunidades enerxéticas rurais, e no Barbanza hai varias en proceso de creación. Baroña podería converterse na primeira en materializarse na comarca. Unha comunidade enerxética rural é unha entidade local que produce, consume e comparte enerxía renovable de forma colaborativa. O seu obxectivo é reducir a dependencia das enerxías fósiles, aforrar, combater o cambio climático e impulsar a economía local e a participación cidadá.
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza continuará ofrecendo apoio técnico e asesoramento gratuíto ás persoas interesadas en formar parte desta innovadora iniciativa. Nos próximos meses, espérase avanzar na conformación da comunidade enerxética rural, promovendo un modelo sostible e participativo que contribúa ao desenvolvemento económico e social do Barbanza.
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.