
Continúan as xornadas educativas en Rianxo organizadas polo Laboratorio
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza organiza a terceira xornada educativa desta semana en colaboración con centros do municipio de Rianxo. Estas accións están coordinadas pola Fundación Montescola, que busca sensibilizar ás novas xeracións sobre a importancia da xestión sostible dos nosos montes.
20 de febrero 2025 – O Laboratorio Ecosocial do Barbanza vén de organizar tres xornadas educativas esta semana en centros do municipio de Rianxo. Estas accións forman parte da liña de acción 5 do Laboratorio, liderada por Fundación Montescola, que ten como obxectivo fortalecer o traballo en rede e dinamizar a conexión entre iniciativas locais poñendo en marcha un programa de innovación educativa asociado á xestión territorial e aproveitamento sustentábel dos recursos naturais.
A xornada de onte celebrouse no monte de Isorna e contou coa participación do alumnado de quinto de primaria do CEIP ADR Castelao de Rianxo. A iniciativa foi coordinada por Montescola, en colaboración coa Comunidade de Monte Veciñal en Man Común (CMVMC) de Isorna e a Plataforma pola Defensa do Monte, contando especialmente co apoio do Distrito Forestal de O Barbanza.
Durante a xornada, realizáronse diversas actividades didácticas para fomentar a conciencia ambiental e o coñecemento sobre a xestión forestal. Ademais, os escolares participaron activamente nunha plantación de frondosas autóctonas, contribuíndo así á recuperación ecolóxica do monte. Esta iniciativa busca sensibilizar ás novas xeracións sobre a importancia da xestión sostible dos nosos montes e a protección dos ecosistemas locais.
Un total de 50 nenos e nenas tiveron a oportunidade de achegarse ao funcionamento das CMVMC e comprender a relevancia dunha xestión sustentable do territorio. O Distrito Forestal prestou apoio cunha cuadrilla especializada que axudou na plantación e organizou unha demostración do funcionamento dunha motobomba. O alumnado puido experimentar de primeira man o uso dunha mangueira, o que lles permitiu entender mellor o traballo de prevención e extinción de incendios.
Inicialmente, estaba previsto que hoxe, 20 de febreiro, se repetise a actividade co grupo de sexto de primaria, pero debido á previsión de choiva, a xornada tivo que ser adiada ata novo aviso.
As outras dúas xornadas lideradas por Montescola tiveron lugar o pasado luns, 17 de febreiro, en colaboración co Sindicato Labrego Galego. Desenvolvéronse nos centros formativos CEP Xosé Mª Brea Segade e Monte Vivo do IES Félix Muriel, abordando o papel fundamental das mulleres no sector primario e a súa contribución á sustentabilidade e dinamización do territorio galego.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.