Mellorando a fertilidade do solo con estudantes do IES Félix Muriel en Rianxo
O pasado 13 de febreiro, tivo lugar unha xornada para mellorar a fertilidade do solo en Rianxo na que participaron alumnos do IES Félix Muriel. Esta acción estivo coordinada pola USC (a través do grupo de investigación UXAFORES) e contou coa colaboración da Plataforma pola Defensa do Monte.
17 de febreiro 2025 – O pasado 13 de febreiro, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza organizou unha xornada encamiñada á mellora da fertilidade do solo en Rianxo en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela a través do grupo de investigación UXAFORES do Campus terra, entidade responsable das actuacións de mellora e recuperación do solo dentro do proxecto. A iniciativa contou tamén co apoio da Plataforma pola Defensa do Monte, o proxecto Monte Vivo do IES de Rianxo e o Concello de Rianxo que cubríu o desprazamento do alumnado. O grupo UXAFORES está a desenvolver intervencións no marco do Laboratorio dirixidas á mellora da fertilidade dos solos mediante enmendas baseadas en residuos e subprodutos, así como á análise do potencial da comercialización de créditos de carbono a través dunha xestión forestal mellorada.
A xornada contou coa participación de 15 estudantes do IES Félix Muriel de Rianxo, de 4º da ESO e de 1º de ciclo medio de Atención a Persoas en situación de Dependencia, acompañados por Yolanda Paz Pereira, docente de Servizos á Comunidade no ciclo medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia e coordinadora do proxecto Monte Vivo, e Jesús Luís Díaz Cadaveira, profesor de Economía e membro do grupo de traballo Biocultura e Bioeconomía do proxecto Monte Vivo.
A actividade iniciouse no Centro Cultural Vicente Vidal en Rianxo, cunha exposición impartida por Esperanza Álvarez, catedrática do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola do Campus de Lugo e coordinadora do grupo UXAFORES. Durante esta sesión, o alumnado coñeceu en profundidade o proxecto de parcelas experimentais, reflexionando sobre a importancia do solo como recurso non renovable, fundamental para o equilibrio ambiental, a produción de alimentos e fibras, a retención de contaminantes, ou a loita contra o cambio climático, entre outros moitos servizos ecosistémicos.
Os participantes tiveron a oportunidade de comprender a relevancia da súa conservación e xestión sostible e tamén o papel que desempeña ó monte aportando bens e servizos. Segundo destacou Esperanza Álvarez, “a rehabilitación dos solos degradados é clave para a recuperación dos ecosistemas forestais, polo que este tipo de proxectos permiten avanzar cara a unha xestión favorable dos recursos baseada no coñecemento científico”.
Tras a sesión teórica, a xornada continuou cunha plantación de castiñeiros no Monte Pena, na parroquia de Leiro, nunha zona situada na ladeira que descende cara aos lugares de Meiquiz e Or, onde a Plataforma pola Defensa do Monte logrou plantar 3.000 castiñeiros nos últimos meses, un paso esencial para a rehabilitación forestal e a consolidación dun modelo de monte máis sostible e resiliente. Na plantación dos castiñeiros efectuada polo alumnado do Félix Muriel, aplicaronse diversas mesturas de enmendas formuladas polo equipo científico de UXAFORES, co propósito de avaliar o seu impacto nas propiedades do solo e na biodiversidade. “O noso obxectivo é que este tipo de actuacións sirvan como exemplo de que outra xestión do monte é posible, implicando á comunidade local e baseándose en criterios ecolóxicos”, sinalou Rafael Saco, presidente da Plataforma pola Defensa do Monte.
O experimento estrutúrase nun total de 64 parcelas experimentais, onde se aplicaron 8 tipos de tratamentos de enmendas baseados en diferentes combinacións de residuos orgánicos abundantes na zona, unha das cales é de control sen ningún tipo de aporte. As mesturas foron definidas tras un análise previo do solo e aplicáronse con 4 réplicas e 2 doses por tratamento. En cada parcela foron plantados dous castiñeiros. Nas parcelas coa dose mais baixa (12 toneladas por ha) cada castiñeiro recibiu 2 kg de mestura e 70 g de fertilizante inorgánico (9-20-8 NPK+3MgO+17SO3+B), mentres que as parcelas coa doses mais altas de enmendas (24 toneladas por hectarea) cada árbore recibiu unicamente 4 kg de enmenda sen fertilizante mineral.
A adición de fertilizante inorgánico é a práctica habitual que veñen facendo na zona neste tipo de plantacións, e o obxetivo é sustituila por enmendas orgánicas a base de residuos/subprodutos que son moi abundantes na comarca. Esto contribuiría a unha producción máis sostible, á reciclaxe e valorización de residuos dentro dun contexto de economía circular e á loita contra o cambio climático. A composición de cada tratamento era:
- Mestura 1: 33% de esterco de cabra + 33% de cuncha de mexillón + 34% de algas
- Mestura 2: 50% de esterco de cabra + 25% de cuncha de mexillón+ 25% algas
- Mestura 3: 25% de esterco de cabra +25% de cuncha de mexillón + 50% de algas
- 100% Esterco de cabra
- 100% Cuncha de mexillón
- 100% Algas:
- 100% Compost elaborado con distintos residuos/subprodutos
- Control con 0% Aporte (nin fertilizante nin enmendas)
Nos próximos 6 e 12 meses, realizarase unha nova recollida de mostras e un inventario da vexetación, medindo a evolución da fertilidade do solo e da biodiversidade. Esta iniciativa supón un avance na xestión forestal sostible, involucrando á comunidade educativa na rehabilitación e conservación do medio natural. “Implicar ao alumnado en proxectos reais de rehabilitación ambiental axuda a que comprendan a importancia da biodiversidade e da xestión sostible dos recursos naturais”, explicou Yolanda Paz Pereira, docente do IES Félix Muriel.
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.