
Terceiro encontro aberto do Laboratorio Ecosocial para impulsar unha comunidade enerxética no Barbanza
O vindeiro mércores 19 de febrero celebrarase en Baroña o terceiro encontro aberto sobre a creación dunha comunidade enerxética no Barbanza, coordinada pola A USC (a través do CISPAC e o grupo de investigación Histagra) coa colaboración do Observatorio Eólico de Galicia.
14 de febreiro 2025 – O vindeiro mércores 19 de febreiro, o local da Comunidade de Montes de Baroña en Porto do Son acollerá o terceiro encontro aberto sobre a creación dunha Comunidade Enerxética no Barbanza. O evento, enmarcado na acción 1 do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, está organizado pola Universidade de Santiago de Compostela (a través do CISPAC e do grupo de investigación Histagra) en colaboración co Observatorio Eólico de Galicia (OEGA).
O encontro estará coordinado por Xavier Simón, catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo e representante do OEGA, quen compartirá a súa experiencia sobre a transición enerxética e o desenvolvemento sostible no medio rural. A sesión incluirá un espazo de diálogo participativo, no que se analizarán as posibilidades dunha xestión máis eficiente e colaborativa dos recursos enerxéticos locais.
Búscase implicar a toda a comunidade local, incluíndo administracións, empresas e asociacións da comarca, para avanzar na creación desta iniciativa enerxética comunitaria. Ademais, a xornada servirá para introducir o concepto de cidadanía enerxética na zona de Baroña e se abordarán as posibilidades de implantación deste modelo na comunidade, co obxectivo de potenciar a economía local e mellorar a calidade de vida da veciñanza.
Con este terceiro encontro, o Laboratorio consolida o seu compromiso coa transición enerxética do Barbanza. Esta iniciativas marcan o inicio de alianzas que permitan sentar as bases para un modelo enerxético baseado na cooperación, no coñecemento compartido e no aproveitamento racional dos recursos locais.
Unha chamada á participación activa
O Laboratorio fai un chamamento á participación de toda a comunidade local, incluíndo administracións, empresas e asociacións da comarca, para avanzar na constitución desta iniciativa enerxética comunitaria. O obxectivo é construír un modelo de xestión sustentable que favoreza tanto a autosuficiencia enerxética como o desenvolvemento sostible do territorio.
Mércores 19 de febreiro ás 19.30 h
Local da Comunidade de Montes de Baroña, Porto do Son
Igrexa, 20, 15979 Porto do Son, A Coruña
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.