
As mulleres no sector primario: dúas accións educativas en Rianxo
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza organiza dúas xornadas educativas que poñen en valor o papel das mulleres no sector primario, coordinadas pola Fundación Montescola.
13 de febreiro 2025 – O vindeiro luns 17 de febreiro, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza organiza en Rianxo dúas xornadas educativas que destacan o papel fundamental das mulleres no sector primario. As actividades desenvólvense en colaboración coas iniciativas Máis ca leña do CEP Xosé Mª Brea Segade e Monte Vivo do IES Félix Muriel, e están coordinadas pola Fundación Montescola, entidade responsable das accións de prospectiva comunitaria, voluntariado e educación ambiental do proxecto.
As sesións estarán a cargo de María Ferreiro, gandeira de vacún de carne en Teixeiro-Curtis e responsable da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, quen compartirá a súa experiencia e abordará os desafíos e oportunidades do emprendemento feminino no medio rural e agroforestal.
Estas accións educativas forman parte da liña de acción 4 do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, liderada por Montescola, que busca fortalecer o traballo en rede e dinamizar a conexión entre iniciativas locais. O obxectivo é sensibilizar ao alumnado sobre a relevancia das mulleres na construción dun sistema produtivo sostible e de proximidade, promovendo a reflexión sobre o futuro do sector primario en Galicia.
Luns 17 de febreiro
Produción e consumo de proximidade da man das mulleres
Inicio ás 10:30 h en CEP Xosé Mª Brea Segade de Taragoña, Rianxo
As mulleres no emprendemento rural e agroforestal
Inicio ás 12:30 h en IES Félix Muriel, Rianxo
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.