O Laboratorio avanza na consolidación dunha comunidade enerxética no Barbanza
Este martes 28 de xaneiro celebrouse o segundo encontro aberto sobre a creación dunha comunidade enerxética no Barbanza, coordinada pola Universidade de Santiago de Compostela (a través do CISPAC e o grupo de investigación Histagra) en colaboración co Observatorio Eólico de Galicia.
30 de xaneiro 2025 – Reforzando o seu compromiso coa sustentabilidade e a democratización da enerxía, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza celebrou onte, martes 28 de xaneiro, o seu segundo encontro aberto para explorar a creación dunha comunidade enerxética na comarca. O evento, que tivo lugar no Centro Cultural do Araño en Rianxo, contou cunha ampla participación de axentes sociais e institucionais, dispostos a reflexionar sobre o futuro enerxético do territorio e as posibilidades dunha xestión máis eficiente e colaborativa dos recursos locais.
A xornada estivo organizada pola Universidade de Santiago de Compostela (a través do CISPAC e o grupo de investigación Histagra) en colaboración co Observatorio Eólico de Galicia (OEGA). Esta xornada está enmarcada na acción 1 do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, que ten como obxectivo apoiar ás comunidades de montes na transición cara a modelos de xestión sustentable.
O encontro foi coordinado por Xavier Simón, catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo e representante do OEGA, quen compartiu a súa experiencia sobre a transición enerxética e o desenvolvemento sostible no medio rural. Durante a súa intervención, Xavier Simón subliñou: “Contamos con recursos naturais, montes e sol; dispoñemos de tecnoloxía, agora un 20% máis accesible que cando iniciamos este camiño; temos un marco normativo que nos ampara e, sobre todo, posuímos a vontade necesaria para materializar esta transformación”. Unha afirmación que resume o contexto favorable para a creación dunha comunidade enerxética local e a necesidade de sumar esforzos para facela realidade
Ao longo do encontro abordáronse as distintas fórmulas para desenvolver unha iniciativa deste tipo. Entre elas, salientouse a opción do autoconsumo, con ou sen excedente enerxético. No caso de xerar máis enerxía da necesaria, púxose sobre a mesa a posibilidade de compensar na factura da luz ou mesmo comercializar o excedente, sempre dentro dun modelo que priorice a autonomía enerxética e o beneficio colectivo.
A viabilidade dunha comunidade enerxética en Rianxo foi un dos temas centrais do debate. Xavier Simón destacou que “a clave está no autoconsumo colectivo, aproveitando a infraestrutura existente e minimizando os trámites burocráticos asociados á venda de enerxía”. Subliñou, ademais, que un proxecto desta natureza require unha participación activa da cidadanía e un modelo de gobernanza horizontal, onde as decisións sexan tomadas de forma colaborativa.
As comunidades de montes, pola súa bagaxe histórica e modelo de gobernanza participativa, teñen un papel clave nesta transición enerxética. O seu coñecemento do territorio e a experiencia en xestión comunitaria convértenas en axentes estratéxicos para liderar a iniciativa.
Lucía Saborido, presidenta da Comunidade de Montes de Araño, resumiu o obxectivo principal cunha frase contundente: “Queremos aforrar na tarifa da luz! Penso que podemos dinamizar dende Rianxo parte desta transición”. Esta idea reflicte o consenso xeralizado entre os asistentes, que ven na creación dunha comunidade enerxética unha oportunidade para fortalecer a autonomía enerxética.
No evento participaron representantes do Concello de Rianxo, da Plataforma pola Defensa do Monte, das comunidades de montes de Isorna, Araño, Leiro, Paradela e Baroña así como da Asociación de Veciños do Araño, entre outros colectivos comprometidos co futuro enerxético da comarca.
Con este segundo encontro, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza reafirma o seu compromiso cunha transición enerxética baseada na cooperación, o coñecemento compartido e o aproveitamento racional dos recursos locais. A través deste tipo de encontros, estanse a tecer alianzas e a sentar as bases para un modelo enerxético máis xusto e sostible.
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.