Caderno de actividades escolares: O meu caderno sobre o monte veciñal
O Laboratorio presenta o Caderno de actividades escolares, creado pola Fundación Montescola para o alumnado de 3º ciclo de Educación Primaria. Esta ferramenta educativa busca sensibilizar sobre o coidado sostible dos montes galegos de xeito ameno e práctico.
11 de xaneiro 2025 –
O caderno de actividades escolares “O meu caderno sobre o monte veciñal” foi deseñado especialmente para o alumnado de 3º ciclo de Educación Primaria, co obxectivo de sensibilizar ás novas xeracións sobre a importancia da xestión sostible dos montes galegos e fomentar o coñecemento das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC).
O caderno busca promover unha educación ambiental sólida e concienciar ao alumnado sobre a xestión comunitaria do territorio, destacando o valor dos montes veciñais como patrimonio colectivo e recurso natural sostible.
O enfoque do caderno combina teoría e práctica mediante xogos, dinámicas de grupo e actividades manuais. Tamén se propoñen tarefas para realizar durante visitas ao monte, avaliacións da xornada e a creación dun diario de campo, facilitando unha experiencia de aprendizaxe completa e significativa.
Comeza cunha introdución detallada ás características dos montes veciñais, explicando que estes terreos pertencen á comunidade local e non a particulares. Ademais, abórdase como as decisións sobre o seu uso e xestión se toman de maneira democrática nas asembleas das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC), promovendo así a participación activa da veciñanza na conservación do seu entorno natural.
Ao longo do caderno, recórrese a historia dos montes veciñais desde a prehistoria ata a actualidade. Destácanse momentos clave como a época romana, o feudalismo, a ditadura franquista e o proceso de recuperación veciñal. Esta perspectiva histórica permite comprender a loita constante das comunidades locais por conservar estes espazos como un patrimonio colectivo valioso.
O enfoque didáctico do caderno refórzase con actividades prácticas e creativas. Inclúense propostas como a creación dun mural colectivo sobre os montes, exercicios para identificar e corrixir ideas erróneas sobre as CMVMC e actividades teatrais que permiten ao alumnado representar de maneira lúdica e educativa a historia destes territorios. Estas actividades non só educan, senón que tamén fomentan o traballo en equipo e a expresión artística.
En canto á educación ambiental, o caderno fomenta o respecto pola biodiversidade local mediante a difusión de información sobre árbores autóctonas, como o carballo, o castiñeiro, o acivro e a abeleira. Así mesmo, alértase sobre o impacto negativo das especies invasoras, como o eucalipto e a acacia. As actividades prácticas, como a plantación de frondosas autóctonas, permiten ao alumnado participar directamente na restauración ecolóxica do entorno.
Ademais, o caderno inclúe contidos de matemáticas e medición, introducindo conceptos relacionados coas unidades de superficie (metros cadrados, hectáreas) e o uso de medidas tradicionais como o ferrado. As actividades propostas axudan ao alumnado a calcular áreas e comprender a extensión actual dos montes veciñais en Galicia, vinculando a aprendizaxe matemática co coñecemento práctico do territorio.
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.