Arrancan as xornadas de voluntariado do Laboratorio Ecosocial do Barbanza
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza retoma as súas xornadas de voluntariado ambiental, coordinadas pola Fundación Montescola.
07 de xaneiro de 2025 – O Laboratorio Ecosocial do Barbanza retoma as súas xornadas de voluntariado ambiental, unha iniciativa que busca implicar á cidadanía na recuperación da biodiversidade nos montes do Barbanza. Estas accións están coordinadas pola Fundación Montescola, entidade centrada na educación ambiental e a dinamización comunitaria.
A primeira xornada do ano celebrarase o venres 10 de xaneiro a partir das 10:00 horas e incluirá a plantación de árbores autóctonas e unha visita guiada ao monte da CMVMC de Froxán, en Lousame. A actividade está aberta a persoas de todas as idades e non require experiencia previa.
Para participar, as persoas interesadas deberán inscribirse antes do mércores 8 de xaneiro enviando un correo electrónico a info@montescola.org. Como é tradición, a xornada concluirá cun xantar comunitario de albaroque, unha celebración para agradecer o esforzo colectivo.
A recuperación das masas forestais de especies autóctonas é un dos piares fundamentais do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, que impulsa diversas iniciativas en toda a comarca para promover a biodiversidade e reforzar as redes colaborativas locais. Esta primeira acción inaugura un programa de xornadas de voluntariado que se desenvolverán ao longo do ano.
El Laboratorio Ecosocial do Barbanza cuenta con el apoyo de la Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) en el marco del Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado por la Unión Europea – NextGenerationEU.