Arrancan as xornadas de voluntariado do Laboratorio Ecosocial do Barbanza
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza retoma as súas xornadas de voluntariado ambiental, coordinadas pola Fundación Montescola.
7 de xaneiro 2025 – O Laboratorio Ecosocial do Barbanza retoma as súas xornadas de voluntariado ambiental, unha iniciativa que busca implicar á cidadanía na recuperación da biodiversidade nos montes do Barbanza. Estas accións están coordinadas pola Fundación Montescola, entidade centrada na educación ambiental e a dinamización comunitaria.
A primeira xornada do ano celebrarase este venres 10 de xaneiro a partir das 10:00 horas e incluirá a plantación de árbores autóctonas e unha visita guiada ao monte da CMVMC de Froxán, en Lousame. A actividade está aberta a persoas de todas as idades e non require experiencia previa.
Para participar, as persoas interesadas deberán inscribirse ata o mércores 8 de xaneiro enviando un correo electrónico a info@montescola.org. Como é tradición, a xornada concluirá cun xantar comunitario de albaroque, unha celebración para agradecer o esforzo colectivo.
A recuperación das masas forestais de especies autóctonas é un dos piares fundamentais do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, que impulsa diversas iniciativas en toda a comarca para promover a biodiversidade e reforzar as redes colaborativas locais. Esta primeira acción inaugura un programa de xornadas de voluntariado que se desenvolverán ao longo do ano.
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.