Estudando tres comunidades de montes para construír modelos sustentables

A Universidade de Santiago —a través do Grupo Histagra e o CISPAC—, a Universidade de Pablo de Olavide, no marco do proxecto Laboratorio Ecosocial do Barbanza, están traballando na creación dun modelo de análise da sustentabilidade a través do estudo de tres montes veciñais multifuncionais: Baroña (Porto do Son), O Carballo (Friol) e Zobra (Lalín).

13 de decembro 2024 — O Laboratorio Ecosocial do Barbanza leva traballando desde o 2020 para entender mellor os manexos multifuncionais e sostibles do monte. Para iso, fíxose un estudo da traxectoria histórica dos montes veciñais na zona e recuperáronse saberes locais sobre a xestión do territorio. Na actualidade, o Laboratorio traballa no Barbanza para diversificar os usos dos montes veciñais, recuperar as areas degradadas e potenciar a súa produtividade para xerar valor engadido mediante a obtención e transformación de recursos, entre outros.

A Universidade de Santiago —a través do Grupo Histagra e o CISPAC—, a Universidade de Pablo de Olavide  están traballando na creación dun modelo de análise da sustentabilidade a través do estudo de tres montes veciñais multifuncionais: Baroña (Porto do Son), O Carballo (Friol) e Zobra (Lalín). Unha vez construído o modelo, será aplicado no acompañamento e avaliación do proceso de transición cara unha maior sustentabilidades das comunidades de montes de Rianxo, integradas na Plataforma pola Defensa do Monte. A análise do funcionamento parte de traballo coas persoas comuneiras, do estudo da cartografía e documentación histórica e actual.

Modelos inspiradores de xestión multifuncional

Baroña, unha comunidade cun uso diversificado do monte. Desde o gran incendio de 2006, Baroña apostou por un modelo de aproveitamento do monte que xera beneficios económicos, sociais e ambientais. A súa xestión inclúe o aproveitamento de madeira e de resina, de gando e pastoreo extensivo, de apicultura e de recolección micolóxica. Na actualidade está apostando pola transformación de produtos cárnicos e pola creación dun bosque comestible de froitos vermellos e arandos. Ademais disto, a comunidade organiza actividades de divulgación como rutas arqueolóxicas, obradoiros e cursos. Estas iniciativas veñen a fortalecer un modelo de xestión ben asentado que contribúe para o benestar da veciñanza.

O Carballo, sinerxías entre silvopastoreo e comunidade. A Comunidade de Montes Veciñais da parroquia do Carballo destaca por combinar a xestión forestal coa gandaría extensiva de cabalos, cabras e porcos de razas autóctonas. Así mesmo, a comunidade tamén ten un couto micolóxico certificado polo CRAEGA e aposta pola apicultura, comercializando o seu propio mel. Por outra banda, pon unha extensión relevante de pastos comunais a disposición de explotacións de persoas comuneiras, contribuíndo ao mantemento da actividade gandeira na zona. A comunidade tamén organiza actividades e eventos para a veciñanza como a Rapa das Bestas do Carballo.

Zobra, activismo e preservación ambiental mediante os manexos sostibles do monte. A CMVMC de Zobra está localizada na Serra do Candán, en Lalín, nun espazo protexido pola Rede Natura 2000. O manexo multifuncional deste monte veciñal desde a súa clasificación na década de 1990 favorece a riqueza ambiental e cultural da zona. A enerxía eólica favorece a xeración de emprego na comunidade para a xestión dos seus recursos. A comunidade tamén apoia a viabilidade de explotacións gandeiras e apícolas permitindo o aproveitamento de terreos comunais. Estes usos conviven coa vertente turística trala rehabilitación das casas das minas para aloxamento de visitantes e a creación dunha ruta de sendeirismo homologada que pon en valor a historia do lugar con elementos singulares como as alvarizas.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Noticias relacionadas