Segunda xornada de eliminación de especies invasoras nos montes de Isorna
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza convoca unha nova xornada de eliminación de acacias nos montes de Isorna, Rianxo. A Fundación Montescola coordina esta actividade de voluntariado ambiental.
11 de noviembre de 2024 – O Laboratorio Ecosocial do Barbanza organiza unha nova xornada de eliminación de acacias nos montes de Isorna, en Rianxo, en colaboración coa Fundación Montescola, entidade encargada das actividades de prospectiva comunitaria, voluntariado e educación ambiental do proxecto. Esta xornada de voluntariado ambiental terá lugar o vindeiro 23 de novembro, con punto de encontro no Souto de Isorna ás 10:00 da mañá.
Aquelas persoas interesadas deberán inscribirse previamente enviando un correo electrónico a info@montescola.org ata o xoves 21 de novembro inclusive. A actividade está aberta a todos os públicos, sen límite de idade, e ao finalizar ofrecerase un xantar de albaroque para todas as persoas asistentes.
Ata o momento, máis de 400 persoas participaron xa nas xornadas de voluntariado organizadas polo Laboratorio. Esta será a 14ª actuación de voluntariado do proxecto no que vai de ano e a segunda intervención na parroquia de Isorna, onde xa se celebrou unha xornada semellante o pasado 10 de agosto. Con estas iniciativas, búscase sensibilizar á cidadanía sobre a importancia da recuperación da biodiversidade e da prevención de incendios forestais a través do traballo colaborativo.
Durante esta xornada, eliminaranse os últimos focos de acacia negra (Acacia melanoxylon), unha especie invasora incluída no Catálogo de Especies Invasoras en España. As tarefas de erradicación destes rebrotes son esenciais, dado o rápido crecemento desta planta, para previr a súa expansión e evitar que os exemplares alcancen grandes dimensións, comprometendo o equilibrio do ecosistema local.
El Laboratorio Ecosocial do Barbanza cuenta con el apoyo de la Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) en el marco del Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado por la Unión Europea – NextGenerationEU.