
Comunidades de montes de Rianxo celebran as Xornadas por un Monte Vivo
O pasado domingo 27 de outubro celebrouse a primeira das “Xornadas por un Monte Vivo” en Taragoña (Rianxo)onde se mostraron os avances do Laboratorio Ecosocial do Barbanza nos últimos meses ao abeiro da Fundación Biodiversidad.
28 de outubro 2024 —Este último domingo de outubro celebrouse en Taragoña a primeira Xornada por un Monte Vivo, un evento organizado polas entidades socias do proxecto no Campo Maneiro. A xornada comezou cunha serie de sesións formativas e divulgativas sobre a sustentabilidade do monte e os diferentes usos e aproveitamentos que pode ter o monte, alén da explotación madeireira tradicional.
Un dos momentos destacados foi a demostración a cargo da comunidade de montes de Baroña, que mostrou o funcionamento do seu serradoiro portátil e a técnica de resinado do piñeiro, un proceso clave para o aproveitamento eficiente da madeira. O xantar correu a cargo do restaurante Curral do Marqués, que preparou pratos elaborados con ingredientes procedentes do monte, destacando o valor dos produtos locais.
A xornada pechouse cunha ruta guiada polos traballos silvícolas realizados nos montes da Plataforma, explicando a importancia dos traballos realizados e a evolución da biodiversidade na zona. A ruta incluíu unha visita ao miradoiro do Castro Barbudo, onde a Asociación O Baixo Ulla realizou unha lectura da paisaxe a través das distintas capas da historia.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.