O Laboratorio convoca ás comunidades de montes do Barbanza a participar nun obradoiro de compostaxe en Baroña

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza impulsa a compostaxe nas comunidades de montes como parte das actividades do proxecto, enfocadas na transformación e revalorización dos recursos forestais.

A valorización dos residuos agrogandeiros e forestais de orixe local constitúe unha oportunidade para a xestión multifuncional dos montes, aproveitando un recurso para a fertilización de plantacións forestais e a recuperación de solos degradados.

27 de outubro 2024 — O obradoiro tivo lugar onte no Centro de Transformación de Baroña (Porto do Son, A Coruña), comezando ás 09:00 h da mañá. Durante a xornada realizarase unha demostración práctica para dar a coñecer os procedementos de transformación dos residuos forestais e gandeiros de orixe local mediante compostaxe, orientados ao seu uso en plantacións forestais e rexeneración de solos. A actividade estaba aberta a todas as comunidades de montes e entidades interesadas na agrocompostaxe. 

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza busca sensibilizar ás comunidades de montes sobre o aproveitamento dos residuos agrogandeiros e forestais para a produción de compost.

As actividades de transformación e valorización dos recursos do monte forman parte da actuación 3 do proxecto, coordinada pola Plataforma pola Defensa do Monte. A través do Laboratorio levaranse a cabo accións demostrativas e formativas sobre compostaxe nas comunidades asociadas, co obxectivo de fomentar a implementación deste proceso noutras localizacións. Nesta liña, convócase a todas as comunidades da comarca a participar nunha xornada de compostaxe nos montes da comunidade de Baroña.

O persoal contratado no marco do proxecto realizou o Curso Básico de Mestría en Compostaxe impartido por Amigas da Terra. A finalidade foi a de adquirir as habilidades necesarias para o manexo do ciclo dos residuos forestais, desde a súa recollida ata a súa xestión mediante compostaxe e a aplicación do produto final, para a rexeneración de espazos degradados ou a plantación de vexetación forestal.

A comunidade de montes de Baroña, que proporcionou o espazo e os recursos necesarios para a proba, ve a valorización dos residuos orgánicos xerados nos seus montes como unha oportunidade para transformalos en compost, e explora a posibilidade de establecer unha pequena planta de compostaxe.

Amigas da Terra conta cunha ampla experiencia en proxectos de compostaxe desde o 2005, colaborando con máis de 20 concellos das catro provincias galegas. Ademais, foi participante do Plan Revitaliza, onde implementou proxectos de compostaxe en catro concellos, formando parte do seu equipo. A formación que ofrece é clave para asegurar o éxito destas iniciativas.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Noticias relacionadas