Nova xornada de voluntariado do Laboratorio, agora traballando pola deseucaliptización de Baroña

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza convoca a segunda das xornadas de voluntariado, agora nos montes de Baroña, co obxectivo de implicar á cidadanía na recuperación da biodiversidade.

19 de abril 2024 — Seguindo o éxito da convocatoria anterior no que unha vintena de persoas traballaron na eliminación de especies exóticas invasoras e na plantación de frondosas autóctonas nos montes de Froxán (Lousame), o Laboratorio Ecosocial do Barbanza organiza agora unha nova xornada de voluntariado nos montes do Barbanza.

Novamente, a organización da actividade corre a cargo da Fundación Montescola –entidade a cargo das actividades de prospectiva comunitaria, voluntariado e educación medioambiental do Laboratorio– e conta nesta ocasión coa colaboración da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Baroña.

Esta nova acción terá lugar na mañá do domingo 28 de abril nos montes de Baroña, onde se traballará na súa deseucaliptización. Aberta a todos os públicos e idades, a actividade centrarase na eliminación de rebentos de eucalipto co obxectivo de evitar a súa proliferación no monte e favorecer a recuperación da biodiversidade.

O punto de encontro será o local da CMVMC de Baroña ás 9.30 da mañá. Desde alí, acudirase a pé ata a zona de intervención e pararase ás 14 h para comer no local da comunidade. As persoas interesadas deberanse inscribir na actividade enviando un email a info@montescola.org antes do xoves 25.

 —

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Noticias relacionadas