Primeiros pasos do rabaño de cabras da Plataforma pola Defensa do Monte
Desde este ano, un rabaño de máis de 40 cabras axuda a controlar os rebrotes de especies invasoras nos montes comunais de Rianxo, recuperando a biodiversidade e contribuíndo á prevención de incendios.
A recuperación da gandaría extensiva nos montes de Rianxo forma parte dunha acción de restauración ambiental máis ampla que coordina a Plataforma e que se enmarca no Laboratorio Ecosocial do Barbanza.
17 de outubro 2024 — A Plataforma pola Defensa do Monte conta desde este ano cun rabaño de máis de 40 cabras de raza autóctona galega e mestiza que, xestionado de forma mancomunada e estratéxica entre as seis comunidades de montes participantes no proxecto, está a dar un paso máis cara a unha xestión multifuncional e sustentable dos montes de Rianxo.
A introdución de gando nos montes comunais de Rianxo está axudando a controlar os rebrotes e o crecemento das especies invasoras –como a mimosa e a acacia– ou as non desexadas –como o eucalipto–, favorecendo a biodiversidade e mellorando a calidade do solo.
Xestión conxunta entre varias CMVMC: creación de empregos e novas oportunidades económicas
A día de hoxe, un gandeiro pastorea ás cabras, encargándose da súa xestión mancomunada, axudado dun remolque e un sistema de peches móbiles, adquiridos pola Plataforma no marco desta convocatoria. O manexo do rabaño que se realiza é rotativo entre as diferentes áreas, complementando os traballos silvícolas licitados pola Plataforma para a eliminación de especies invasoras.
Espérase que ao final da convocatoria, en decembro do 2025, o rabaño alcance as 200 cabezas e estean contratados dos gandeiros. O traballo da Plataforma pola Defensa do Monte coa gandaría extensiva tamén abrirá novas oportunidades económicas orientadas a diversificar a economía local, como a produción de carne de cabrito.
A colaboración no proxecto da CMVMC de Baroña, que pon a disposición do Laboratorio Ecosocial do Barbanza o seu centro de transformación de produtos alimentarios, permitirá explorar a viabilidade de distintas preparacións con estes produtos cárnicos.
O novo rabaño forma parte dunha estratexia máis ampla de rexeneración ambiental que está coordinando a Plataforma, e que se enmarca no proxecto colaborativo e multidisciplinar do Laboratorio Ecosocial do Barbanza. Tras a súa selección na convocatoria de bioeconomía forestal de Fundación Biodiversidad o pasado febreiro, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta cunha axuda de case 2 millóns de euros que está impulsando accións que cambien o paradigma da xestión forestal da rexión.
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.