
O Laboratorio visita a comunidade de montes do Carballo en Friol
A Comunidade de montes do Carballo en Friol (Lugo) foi escollida pola Universidade de Santiago de Compostela– a través do grupo Histagra e o CISPAC– e a Universidad Pablo de Olavide por ser un modelo do manexo multifuncional do monte en Galicia.
Este traballo forma parte da acción 1 do Laboratorio Ecosocial do Barbanza coa intención de crear un marco metodolóxico aplicable a outras comunidades de montes de Galicia, con especial interese ás comunidades de Rianxo.
4 de outubro 2024 — O pasado 2 de outubro o Laboratorio Ecosocial do Barbanza organizou un encontro coa comunidade de montes de O Carballo (Friol). A Comunidade de montes do Carballo en Friol (Lugo) foi escollida pola Universidade de Santiago de Compostela– a través do grupo Histagra e o CISPAC– e a Universidad Pablo de Olavide por ser un modelo do manexo multifuncional do monte en Galicia.
A finalidade do encontro era a presentación da actuación 1 do Laboratorio e da súa metodoloxía. Esta actuación nace coa intención de crear un marco metodolóxico aplicable a outras comunidades de montes de Galicia, con especial interese ás comunidades de Rianxo. Durante a xuntanza realizáronse dinámicas participativas e entrevistas, recompilouse información sobre o manexo multifuncional do seu territorio e sobre a súa visión a longo e curto prazo do monte veciñal.
Aproveitouse o dia da xornada, para realizar previamente unha visita técnica por parte do grupo da Universidade de Santiago de Compostela acompañados do presidente da comunidade de O Carballo, José Manuel Iglesias. Durante a visita coñeceron as diversas zonas nas que aplican o manexo silvopastoral, pastos e plantacións forestais onde pacen os diferentes tipos de gando– equipo, porcino e caprino- e as de aproveitamento micolóxico.
Dentro das actividades produtivas que realiza a comunidade de montes do Carballo destaca o manexo silvopastoral das explotacións forestais mediante a gandaría extensiva de caprino, cabalos de pura raza galega e de porco celta, cuxa carne logo se comercializa entre os propios comuneiros e comuneiras.. As ferramentas coas que traballan son pastores eléctricos, para desprazar o gando entre parcelas, e un dispensador automatizado, para alimentar ao porco celta.
A superficie forestal está formada por explotacións de piñeiro (Pinus pinaster e Pinus radiata) e por masas de frondosas autóctonas nas franxas de protección. Ademais, realizan apicultura e dispoñen dun coto micolóxico permitindo recursos adicionais á comunidade. Este aproveitamento de setas realízase por parte da comunidade, que se comercializa con certificación ecolóxica, e persoas aficionadas, mediante autorización previa.
A vinculación da parroquia nas actividades do monte é un obxectivo para a directiva da comunidade de montes. Organizan eventos e festas gastronómicas ao longo do ano. Destaca a Rapa das Bestas de O Carballo que se celebra cada verán no curro da comunidade.
Dende a comunidade de montes do Carballo buscan establecer sinerxías con outros gandeiros locais. O seu rabaño de cabras é xestionado pola comunidade en colaboración cunha explotación de caprino. Un total de 710 ha está xestionado pola comunidade, das cales ceden parte a comuneiros con explotación gandeiras – 20 dos 40 comuneiros teñen explotacións de vacún de carne- para que manteñan os prados.
—
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

