O Laboratorio Ecosocial do Barbanza interésase polo modelo do Centro de Transformación A Fusquenlla e da Rede de Espazos de Coworking da Deputación da Coruña
O equipo do Laboratorio Ecosocial do Barbanza visita o Centro de Transformación A Fusquenlla, referente na transformación de produtos agroalimentarios, xunto á deputada de Emprego da Deputación da Coruña.
29 de agosto 2024 — Representantes do Laboratorio Ecosocial do Barbanza visitaron o Centro de Transformación A Fusquenlla de Moeche, un dos 11 centros integrados na Rede Provincial de Espazos de Coworking da Deputación da Coruña, interesándose no modelo da Rede e no funcionamento do centro. Na visita tamén participaron a deputada de Emprego, Industria, Medio Ambiente e Política Demográfica, Rosa Ana García, a deputada Cristina García Rey e a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy.
O Centro de Transformación A Fusquenlla, dedicado á transformación de produtos agroalimentarios baixo criterios de sustentabilidade e calidade, está contribuíndo de maneira significativa ao fortalecemento do tecido empresarial rural e promovendo o desenvolvemento económico e social da zona, cun especial enfoque na sustentabilidade e no respecto polo medio ambiente.
Dando servizo aos municipios de Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Valdoviño, Cedeira, Narón e As Pontes, o Centro da Fusquenlla é un proxecto de referencia en Galicia, especialmente na transformación de alimentos. Este centro permite ás pequenas explotacións e particulares da provincia da Coruña procesar as súas colleitas e elaborar produtos como conservas vexetais, zumes, marmeladas e mel, contribuíndo ao aproveitamento e transformación de produtos agroalimentarios locais e promovendo un sistema alimentario sustentable.
O proxecto da Fusquenlla é de especial interese para o Laboratorio Ecosocial do Barbanza, que busca conectar con outras iniciativas para poder aprender das súas experiencias e establecer unha rede de coñecemento sobre a xestión sustentable do territorio.
Esta visita do Laboratorio ao Centro da Fusquenlla está relacionada coas accións dinamizadas neste proxecto pola Plataforma pola Defensa do Monte e que contan coa colaboración da CMVMC de Baroña, centradas en promover a gandaría rexenerativa e a posta en marcha dun centro de transformación de materias primas no Barbanza.
Á visita asistiron Rafael Saco, presidente da Plataforma pola Defensa do Monte; Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Baroña; e Adrián Capelo, representante da Fundación RIA e coordinador do proxecto; que xunto coa deputada Rosa Ana García compartiron ideas sobre o papel do Centro de Transformación A Fusquenlla como motor de oportunidades para o rural e reafirmaron o seu compromiso de seguir colaborando en iniciativas que promovan un futuro máis sustentable.
—
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.