
Xornada de eliminación de acacia no monte de Isorna
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza continúa a serie de convocatorias
de voluntariado ambiental en Rianxo, que nesta ocasión terá lugar no monte de Isorna.
29 de xullo 2024 — O Laboratorio Ecosocial do Barbanza convoca unha nova xornada de voluntariado en Rianxo, actuando esta vez no monte de Isorna. A actividade terá lugar na mañá do sábado 10 de agosto e centrará o seu traballo na eliminación de acacia no seu monte veciñal.
A xornada está aberta á participación de todos os públicos e dará comezo ás 10 da mañá desde o Souto de Isorna. É necesaria inscrición para participar, que deberá realizarse enviando un mail a info@montescola.org ata o xoves 8 de agosto inclusive. Ao rematar os traballos ofrecerase xantar de albaroque ás persoas participantes na Casa da República.
Coordinada por Montescola –entidade a cargo das actividades de prospectiva comunitaria, voluntariado e educación medioambiental do Laboratorio Ecosocial do Barbanza–, a xornada conta tamén coa colaboración da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Isorna.
—
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
