Xornada de voluntariado ambiental no monte do Fieitoso de Taragoña
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza convoca unha nova actividade en Rianxo, que nesta ocasión terá lugar no monte do Fieitoso de Taragoña.
12 de xuño 2024 — O Laboratorio Ecosocial do Barbanza convoca unha nova xornada de voluntariado en Rianxo, actuando esta vez no monte do Fieitoso de Taragoña.
A actividade terá lugar na mañá do sábado 22 de xuño e centrará o seu traballo nunha parcela do monte na que a comunidade está rexenerando unha masa de frondosas autóctonas. As participantes aprenderán a realizar podas de formación e, en simultáneo, eliminaranse exemplares de acacia negra presentes na zona.
A xornada está aberta á participación de todos os públicos e idades e contará ademais coa participación dun grupo internacional de voluntarias procedentes da conferencia de decrecemento que organiza a próxima semana a Universidade de Vigo. É necesaria inscrición para participar, que deberá realizarse enviando un mail a info@montescola.org ata o xoves 20 inclusive. Ao rematar os traballos ofrecerase un petisco para as persoas participantes.
Coordinada por Montescola –entidade a cargo das actividades de prospectiva comunitaria, voluntariado e educación medioambiental do Laboratorio Ecosocial do Barbanza–, a xornada conta tamén coa colaboración da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Fieitoso.
—
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.