Xornada de eliminación de acacia co estudantado do IES Félix Muriel de Rianxo
O Laboratorio e o proxecto Monte Vivo do IES Félix Muriel organizaron unha xornada de eliminación de acacia negra no monte veciñal de Leiro.
24 de maio 2024 — Medio cento de rapaces de terceiro da ESO do IES Félix Muriel de Rianxo participaron esta mañá nunha xornada de eliminación de acacia negra (Acacia melanoxylon) na contorna arqueolóxica das Mámoas do Monte da Pena, dentro do monte veciñal de Leiro.
Trátase dunha actividade organizada polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza e o proxecto Monte Vivo do centro de Rianxo. O obxectivo deste proxecto é vincular a práctica educativa co territorio e as comunidades, promovendo un modelo de aprendizaxe máis activo e participativo.
O estudantado, acompañado de docentes, integrantes da xunta reitora do monte de Leiro e o equipo de Montescola, puido coñecer o enorme problema que supón a proliferación de especies exóticas invasoras como a acacia negra a raíz do grande incendio de 2019 e aplicar na práctica a técnica do descasque para a súa eliminación e control. De feito, ao longo da mañá o estudantado descascou case medio millar de acacias, intervención que terá continuidade con futuras accións.
Estas convocatorias á participación cidadá forman parte da liña de acción do Laboratorio Ecosocial do Barbanza liderada por Montescola, que está dirixida a promover o traballo en rede. A través destas accións, o Laboratorio profunda na súa integración nas dinámicas sociais locais, implicando directamente ás comunidades participantes.
—
El Laboratorio Ecosocial do Barbanza cuenta con el apoyo de la Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) en el marco del Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado por la Unión Europea – NextGenerationEU.