Voluntariado e ciencia cidadá para inventariar a biodiversidade dos montes veciñais
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza convoca un ‘bioblitz’ aberto a todos os públicos o sábado 1 de xuño para inventariar a biodiversidade de Froxán, en Lousame.
23 de mayo 2024 — O Laboratorio Ecosocial do Barbanza convoca unha xornada de ciencia cidadá na que o voluntariado participante deberá identificar o maior número posible de especies de flora e fauna nun ‘bioblitz’ que terá lugar no monte veciñal de Froxán no primeiro sábado de xuño.
Este primeiro ‘bioblitz’ pretende ser o primeiro de varios maratóns de biodiversidade que organice o Laboratorio a través da Fundación Montescola –entidade a cargo das actividades de prospectiva comunitaria, voluntariado e educación medioambiental do Laboratorio–, para deste xeito descubrir e poñer en valor o rico patrimonio natural dos montes veciñais participantes situados en Rianxo, Porto do Son e Lousame.
Esta primeira actividade realízase en Froxán, Lousame, que en 2017 foi recoñecido polo Programa das Nacións Unidas para o Ambiente como unha das “Áreas Conservadas por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais” (ICCA, nas súas siglas en inglés). Entre os seus espazos de interese inclúese Campo de Lamas, turbeira incluída este ano pola Xunta no Inventario de Zonas Húmidas de Galicia.
A xornada estará guiada por un equipo de biólogas e biólogos voluntarias e valerase da aplicación iNaturalist, de acceso libre e gratuíto, que conta cun proxecto específico para Froxán. O evento, aberto a todos os públicos e idades, comezará ás 10 da mañá cunha presentación da xornada e do espazo, así como da propia app para quen a utilice por primeira vez.
É necesaria inscrición para participar, que deberá realizarse enviando un mail a info@montescola.org ata o venres 31 de maio.
—
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.