Unha nova xornada de voluntariado eliminará especies invasoras no monte de Leiro

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza convoca a segunda das súas actividades en Rianxo, que nesta ocasión eliminará acacias e eucaliptos en Leiro.

14 de maio 2024 —O Laboratorio Ecosocial do Barbanza convoca unha nova xornada de voluntariado en Rianxo, actuando esta vez no monte de Leiro. A actividade terá lugar na mañá do 25 de maio e centrarase na eliminación de acacia e eucalipto, co obxectivo de evitar a súa proliferación no monte e favorecer a recuperación da biodiversidade.

A xornada comeza ás 9.30 da mañá e está aberta a todos os públicos e idades. É necesaria inscrición para participar, que deberá realizarse enviando un mail a info@montescola.org ata o xoves 23 inclusive. Ao rematar os traballos ofrecerase xantar de albaroque para as persoas participantes.

Coordinada por Fundación Montescola –entidade a cargo das actividades de prospectiva comunitaria, voluntariado e educación medioambiental do Laboratorio–, a xornada conta tamén coa colaboración da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Leiro e a Asociación Amicos.

Outras convocatorias

Sábado 22 de xuño | Eliminación de acacias no monte de Taragoña
Inicio ás 9.30 no Campo Maneiro
Inscrición antes do 20 de xuño

Domingo 30 de xuño | Eliminación de acacias no monte de Baroña
Inicio ás 9.30 no Centro de Transformación de Baroña
Inscrición antes do 27 de xuño

Sábado 13 de xullo | Eliminación de acacias no monte de Campelo, O Vilar e Cerqueiras
Inicio ás 9.30 no punto de auga do acceso a Cerqueiras e Vilar
Inscrición antes do 11 de xullo


Innovación comunitaria

Estas convocatorias á participación cidadá forman parte da liña de acción do Laboratorio Ecosocial do Barbanza liderada por Montescola, que está dirixida a promover o traballo en rede. A través destas accións, o Laboratorio profunda na súa integración nas dinámicas sociais locais, implicando directamente ás comunidades participantes.

Mediante programas de formación, voluntariado e educación ambiental, búscase capacitar e empoderar ás comunidades, implicalas na xestión activa do territorio, e sentar as bases para unha maior conciencia ambiental ligada ao territorio por parte dos máis novos.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Noticias relacionadas