Educación para a transformación do territorio: a experiencia do IES Félix Muriel de Rianxo
A finais de marzo de 2019, o fume volvía escurecer o ceo do Barbanza. Aínda estaba a chegar a primavera, pero o lume, animado por un nordés intenso e impulsado polo monocultivo forestal e o estado do monte, devoraba arredor de 1200 hectáreas nos concellos de Dodro e Rianxo, aproximándose perigosamente a varios núcleos de poboación e obrigando o desaloxo do IES Félix Muriel de Rianxo.
Tras un par de días, o vento foi amainando e o incendio puido ser controlado polos servizos de extinción, pero igual que no seu día acontecera en Baroña ou Froxán, aquilo converteuse nun punto de inflexión. A tempestade non deu paso á calma, senón á acción. A mediados de abril nacía a Plataforma en Defensa do Monte, conformada pola maior parte das comunidades de montes de Rianxo, convencidas da necesidade de camiñaren xuntas cara á sustentabilidade. Poucos meses despois, o instituto Félix Muriel poñía a andar o Proxecto Monte Vivo. O obxectivo, vincular a práctica educativa co territorio e as comunidades, promovendo un modelo de aprendizaxe máis activo e participativo que entrase en conexión directa coa realidade do alumnado e que permitise unha maior proxección do seu traballo en relación coa contorna.
Os montes comunais de Rianxo, en contexto
Rianxo conta con trece montes veciñais en man común (MVMC) xestionados por dez comunidades, nuns casos conformadas polos veciños dunha determinada aldea e noutros polos habitantes de toda unha parroquia. Após o espolio dos montes polo Patrimonio Forestal do Estado (PFE), ao longo dos últimos cincuenta anos os veciños organizados foron quen de recuperalos, ao abeiro das leis de recoñecemento da propiedade veciñal de 1968, 1980 e 1989. A primeira das devolucións rexistradas tivo lugar en abril de 1975, aínda na fase final da ditadura franquista, mentres que a última até o momento data do verán de 2006.
Na actualidade, a área declarada como MVMC en Rianxo supera as 2000 ha, é dicir, arredor do 35% do territorio total do concello. Os datos encaixan coa realidade xeral do Barbanza, o que permite pensar este municipio como unha representación a escala das problemáticas e potencialidades da comarca. Pola súa parte, as oito comunidades que xunto coa asociación veciñal Fousas ao Monte conforman a Plataforma en Defensa do Monte, constituída co obxectivo de desenvolver un proxecto conxunto de ordenación sostible, dispoñen de máis de 1500 ha, é dicir, arredor do 26% da extensión municipal.
A educación, peza fundamental do cambio
Rafael Saco, docente de filosofía no IES Félix Muriel e membro da devandita plataforma, percibe neste contexto unha oportunidade para implicar o alumnado no proceso de transformación territorial, procurando tecer pontes entre o centro educativo, as comunidades de montes e o movemento asociativo.
As ideas toman forma no Proxecto Monte Vivo, unha proposta interdisciplinar edificada sobre o concepto de biocultura coa que se busca promover a toma de conciencia ecosocial a prol dunha concepción integral do territorio. A base metodolóxica apórtaa a denominada aprendizaxe-servizo, unha proposta educativa na que a participación do alumnado nas actividades e proxectos ten como fin o aporte de servizos a unha comunidade, neste caso ás comunidades de montes veciñais. Neste eido, o proxecto conta co apoio da Asociación AVOAR e do grupo de investigación Esculca (USC).
Desde o punto de vista do proceso educativo, Saco considera necesario “aproveitar eses anos que os rapaces están aquí e integralos para que os coñecementos teñan un sentido”. Nas súas palabras, non facelo sería un “desaproveitamento dos recursos”. “A educación ten que partir de problemas reais”, continúa, o que lle dá a oportunidade de converterse nun medio para o cambio. E aquí xoga o seu papel a filosofía, que ten a capacidade “de construír máquinas de transformación do pensamento e da realidade”, pero tamén moitas outras áreas do coñecemento, que se integran no proxecto a través dos distintos departamentos educativos do centro.
Así, Monte Vivo iniciou a súa andaina no curso 2020-2021 cun proceso de transformación do patio escolar, que fora cercado polo lume en marzo de 2019. Unha das accións máis destacadas nesta primeira fase foi a da eliminación de 45 acacias de grandes dimensións, especie invasora e pirófita que predominaba no espazo. Por outro lado, os alumnos comezaron a desenvolver proxectos vinculados a diferentes materias —na actualidade participan arredor de vinte profesores dos departamentos máis diversos—, desde a realización de estudos e o deseño de propostas para as propias comunidades até a realización do documental Monte Vivo, premiado no FICBUEU 2021.
Transformar o territorio desde a biocultura: o impulso do Laboratorio
Durante o presente curso escolar, a actividade do Proxecto Monte Vivo está a intensificarse. Un dos motivos deste pulo é que a proposta “Transformar o territorio desde a biocultura”, presentada polo IES á convocatoria de Proxectos Semente do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, rematou por ser unha das tres iniciativas financiadas.
Saco considera que o apoio do Laboratorio supón un impulso importante, en primeiro lugar como “recoñecemento dunha iniciativa que se iniciou en solitario”, pero tamén porque permite “consolidar o vínculo proxecto educativo – comunidades” tamén desde un punto de vista “práctico, permitindo instalacións en condicións que serían inasumibles”. Neste sentido, o profesor destaca a axuda práctica e directa do Laboratorio, pero tamén o seu papel á hora de “difundir o proxecto, de expandilo, de darlle máis corpo e coherencia”.
Outra das mestras implicadas no proxecto é Pilar Pérez, profesora de Tecnoloxía, que actualmente está a coordinar co seu alumnado o deseño do invernadoiro e as sementeiras, así como os circuítos de auga e enerxía que os nutren. Para a profesora, non é o mesmo montar o circuíto “nun programa como Arduino, algo que non van ver”, que facelo para un invernadoiro no que eles mesmos teñen que traballar. Medir o grao de humidade, deseñar unha bomba de auga que só se active en determinadas condicións… ”Os rapaces están involucradísimos e moi interesados”, afirma. Estas instalacións, xunto coa posta en marcha dun proceso de investigación sobre a memoria do monte ou a realización de palestras, son algunhas das actividades financiadas.
Vencellando xeracións, construíndo futuro
Instituto, comunidades, asociacións… Ademais da importancia de xerar sinerxías e do efecto multiplicador que pode significar unha rede de traballo como esta, Saco destaca tamén a vertente pragmática que xustifica Monte Vivo: os alumnos e as alumnas do instituto son os comuneiros do futuro.
Iker Lorenzo, alumno de 1º de Bacharelato, sinala o “enriquecedor” que está a ser para el facer parte desta proposta educativa. No seu caso, desenvolveu un proxecto de campamento de verán nos montes veciñais co obxectivo de que nenas e nenos doutros lugares puidesen coñecer a zona e achegarse de forma lúdica a todo o que eles están a descubrir a través do traballo nas aulas. Ademais, salientou a realización de palestras con persoas das comunidades de montes, que lles permitiron entender, entre outras cuestións, “a relación entre a saúde do monte e saúde da ría”.
Elena Ramos, tamén de 1º de Bacharelato, destacou a posibilidade de facer entrevistas a veciñas e veciños así como a realización de documentais. No seu caso, o proxecto no que participou xirou arredor da introdución de vacas cachenas na comunidade de montes do Araño, unha proposta pensada en clave sustentable —permitiría fertilizar o monte e reducir o risco de incendios ao tempo que se mobiliza a comunidade e se dinamiza a economía do Araño— e tamén educativa, a través da realización da excursións para coñecer o papel do gando a súa relación coa biodiversidade.
Estas e moitas outras propostas están agora nas mans das comunidades de montes, que grazas a Monte Vivo puideron dar a coñecer ao alumnado do instituto o seu modo de funcionamento e o papel esencial que xogan na realidade territorial de Rianxo. Preguntado acerca do futuro da iniciativa, Saco sinala que hai unha “forma clarísima de cuantificación independentemente dos resultados académicos, que é a propia evolución na transformación do territorio forestal de Rianxo. O modo de ver que proxección ten o proxecto é saber se de aquí a 10-15 anos se produce unha reversión na ordenación dos montes da comunidade”, conclúe. Os obxectivos son ambiciosos, pero traballo, ilusión e enerxía non han faltar.