A ordenación desordenada. Do impacto do Estado e do mercado no territorio galego
Unha paisaxe é unha construción histórica derivada da interacción entre elementos físicos, bióticos e antrópicos; é dicir, entre as forzas naturais e humanas que entran en xogo nun determinado territorio [1]. Polo tanto, non podemos pensar nas paisaxes como realidades estáticas, senón en constante transformación.
Alén de consideracións estéticas, o que aquí nos interesa é aproximarnos á comprensión da paisaxe e do territorio como produtos dun tempo histórico. A súa observación pode ofrecernos un reflexo do que hoxe somos: dos nosos problemas —abandono de áreas extensas, desequilibrio territorial…— e dos desafíos que debemos afrontar —inevitablemente, cómpre pensar no quecemento global—. Mais na súa análise, se sabemos ollar coas lentes da Historia, tamén podemos encontrar un reflexo do que fomos. As pegadas do pasado están moi presentes no territorio que habitamos, e o seu estudo, ademais de axudarnos a comprender o noso presente, tamén nos pode dar algunhas chaves para a construción do futuro. No marco desta investigación estamos a traballar sobre as capacidades produtivas da biorrexión do Barbanza nunha lóxica sustentable. A idea resulta moi actual mais o certo é que os labregos que habitaron este territorio, cos medios e a tecnoloxía de que dispuxeron en cada momento histórico, demostraron dominar a cuestión da sustentabilidade, por razóns produtivas e reproductivas. Na sustentabilidade íalles a vida e o futuro dos seus e sabían resolvelo na súa escala. Esa mesma, a local, tamén será a escala primeira da sustentabilidade no futuro.
As pegadas do pasado están moi presentes no territorio que habitamos, e o seu estudo, ademais de axudarnos a comprender o noso presente, tamén nos pode dar algunhas chaves para a construción do futuro.
Nunha aproximación á historia recente do territorio galego podemos encontrar dous grandes modelos. Até a segunda metade do século XX domina o primeiro, do que resulta un territorio integrado a partir dunha ordenación que podemos chamar endóxena. Nel, as aldeas son os centros ordenadores básicos e os labregos, organizados nesas pequenas comunidades, os protagonistas últimos dun proceso non exento de conflictos e alternativas. Mais desde mediados do século pasado, no contexto autoritario da ditadura, cun éxodo rural acelerado e unha transformación radical do agro derivada do desenvolventismo modernizador da revolución verde, ábrese a porta a un modelo produtivista imposto polo Estado e vinculado tamén ao capitalismo corporativo do réxime (ENCE, FENOSA…). Neste novo modelo o territorio perde o seu carácter de sistema integrado, de xeito que cada acción que se realiza sobre un determinado espazo non atende ás interrelacións nin ás interdependencias entre as partes.
A configuración dun territorio integrado
O primeiro modelo, integrado localmente e adaptado ás diversidades físico-climáticas no espazo alongado configúrase durante a Época moderna e boa parte da contemporánea [2]. Con cidades que non conseguen afirmarse como rexedoras do territorio —nin sequera establecen boas redes de comunicación entre elas— e cunha Administración incapaz de controlar o territorio do vello Reino de Galiza, caracterizado por un poboamento particularmente disperso, o que encontramos é un país de labregos que a principios do século XX se tornan donos de seu, e que até datas ben recentes desempeñan o rol principal na definición das paisaxes e na construción do territorio. Mesmo antes de teren a propiedade efectiva da terra, a través do seu dominio útil as comunidades labregas son quen de controlar un territorio que humanizan até o último penedo, como se pode deducir da inabarcable riqueza da microtoponimia.
Desde mediados do século pasado, no contexto autoritario da ditadura, cun éxodo rural acelerado e unha transformación radical do agro derivada do desenvolventismo modernizador da revolución verde, ábrese a porta a un modelo produtivista imposto polo Estado e vinculado tamén ao capitalismo corporativo do réxime. Neste novo modelo o territorio perde o seu carácter de sistema integrado.
Para comprender esta realidade desde o punto de vista produtivo énos especialmente útil a noción de agroecosistema, que fai referencia a un territorio integrado e definido polas interdependencias entre os seus diferentes elementos [3]. No caso galego, a paisaxe integrada agro-silvo-pastoril tal e como a coñecemos configúrase a partir da intensificación produtiva dos séculos XVIII e XIX. As agras, espazos cultivados polas casas que compoñen a aldea, non se entenden sen a xestión de grandes áreas de monte nin tampouco sen o manexo dun gando diverso; todo isto asentado sobre o coñecemento acumulado por sucesivas xeracións de labregos, mais tamén sobre a innovación —pensemos, por exemplo, na progresiva extensión dos cultivos americanos—. Mais sobre todo, nada disto se pode comprender se non atendemos á organización colectiva do espazo, inzada de conflitos.
No século XIX, o Estado liberal trae aparellada a implantación dunha Administración que incorpora entre os seus principais obxectivos a ordenación racional do territorio. No marco desta ambiciosa tarefa encaixan as desamortizacións das décadas centrais do XIX, e cara a finais deste século e inicios do XX, tamén un crecente interese pola (re)poboación dos montes, desaproveitados a ollos dos enxeñeiros forestais, cando en realidade eran soporte e motor dun sistema agrario moi produtivo que resultou nun grande crecemento demográfico [4]. Nun contexto institucional pouco favorable, as comunidades labregas conseguen reafirmar o seu papel rexedor sobre o territorio facendo mostra dunha grande capacidade de resiliencia e de adaptación. Entre as distintas estratexias das que os veciños botan man para paralizar os traballos de (re)forestación [5] encóntrase a individualización dos montes comunais, o que naquela altura lles permitiu preservar o seu uso e, con el, o equilibrio territorial. Como esta Historia está chea de memoria, podemos explicalo a través das verbas de Aurita Cao e Carmen Creo, veciñas de Froxán (Vilacoba, Lousame).
A desordenación do territorio
A ditadura franquista, que se asenta na longa posguerra a través da implantación de políticas autoritarias, si é quen de desnivelar a balanza en favor dos intereses dun Estado autárquico. En torno aos anos 50, o Patrimonio Forestal del Estado (PFE) asina acordos para a arborización cos concellos da área do Barbanza, a pesar de que as terras afectadas eran propiedade das comunidades de veciños, nun proceso común ao conxunto do territorio galego. Nos montes de San Xoán de Laíño temos un bo exemplo do poder coercitivo do Nuevo Estado, que permite que os propietarios individuais manteñan as súas tenzas de monte sempre que as planten de piñeiros nun prazo definido polo PFE, como nos explicaron María Rendo e Benjamín Recarey.
Coas terras dedicadas ao pastoreo invadidas pola arborización forzada, a perda progresiva da importancia do gando foi xeral nas aldeas do Barbanza. Tamén o foi a creación de emprego nas plantacións forestais, que como nos explicou Benjamín Recarey, “romperon o mercado laboral”, mais paralelamente, racharon co equilibrio agroecolóxico e coa relación simbiótica entre a casa e o común. De ser soporte do sistema agrario e sustento das economías familiares nun territorio integrado, o monte pasou a converterse en soporte e sustento de empresas que xurdiron ou medraron ao abeiro do proceso de repobación, con continuidade até o presente.
De ser soporte do sistema agrario e sustento das economías familiares nun territorio integrado, o monte pasou a converterse en soporte e sustento de empresas que xurdiron ou medraron ao abeiro do proceso de repobación, con continuidade até o presente.
Esta realidade fica patente na revisión documental que realizamos no Arquivo Municipal de Dodro. Durante os anos da Transición, rexistramos a adxudicación de madeira dos comunais conveniados coa Administración, tras diversos incendios, a empresas como Tableros de Fibras, S.A. (TAFISA, comprada logo polo grupo Sonae Industria e desmantelada ao longo das últimas décadas); Financiera Maderera, S.A. (FINSA, que factura anualmente arredor de 900 millóns de euros) ou Empresa Nacional de Celulosas, S.A. (ENCE, integrada a finais de 2018 no IBEX-35) [6]. O incremento dos lumes nas últimas décadas foi unha das principais e máis nocivas consecuencias desta ordenación desordenada, que modificou radicalmente as dinámicas endóxenas do territorio, como ben nos explicou Carmen Rodríguez Deán, de Lavandeira (Baroña, Porto do Son).
Outro proceso de ordenación do territorio impulsado pola Administración no franquismo, a concentración parcelaria, tamén tivo un grande peso no desmantelamento do vello sistema territorial e nun proceso de cambio que derrubou máis do que mudou. Planificadas na lóxica do desarrolismo modernizador, estes proxectos foron en orixe moi conflitivos, tanto no seo das comunidades como entre elas e os axentes da concentración. Fórono daquela, cando había labregos, mais deixaron de selo co paso das décadas, até o punto de que hoxe son os veciños sen adicacións agrarias os que as solicitan, menos para facilitar os aproveitamentos agrarios que para outros usos como a urbanización.
Hoxe Galiza non é un país de labregos, mais si de pequenos propietarios.
Hoxe Galiza non é un país de labregos, mais si de pequenos propietarios. Segundo os datos catastrais, falamos de 11 millóns de parcelas rústicas inscritas por 1’7 millóns de particulares. Alén disto, case 700.000 hectáreas, o 25% do conxunto do país, están xestionadas polas comunidades de MVMC. Eses comuneiros e eses pequenos propietarios, máis do 60% da poboación, son precisamente os herdeiros dos labregos que durante séculos humanizaron o territorio e transformaron as paisaxes, co suficiente coñecemento como para evitar agredilas, construíndoas tal e como aínda hoxe nos gusta aprezalas. O proceso de desarticulación do territorio non parece deterse, mais cómpre ter en conta que até o momento está nas mans dos seus habitantes a propiedade da terra, e con ela, a capacidade de inverter estas dinámicas.
Os saberes históricos son un patrimonio inmaterial, con resultados ben materiais, dos que somos herdeiros, un enorme capital que aínda está ao noso alcance, e que podemos rastrear nas múltiples capas dos espazos que habitamos.
Galiza xa non é un país de labregos, dicíamos. Coa súa desaparición como grupo social vaise indo tamén un vasto coñecemento do territorio construído sobre centos de anos de manexo e innovación. Mais ese saber é un patrimonio inmaterial, con resultados ben materiais, do que somos herdeiros, un enorme capital que aínda está ao noso alcance, e que podemos rastrear nas múltiples capas dos espazos que habitamos. Nas nosas mans está recuperalo e actualizalo para podermos articular de novo o territorio con usos productivos e sociais que permitan construír un futuro sostible.
Referencias bibliográficas
- Para aproximarse a estas cuestións desde a Ecoloxía e a Historia, ver Garrabou, R. e Naredo, J.M. (eds.) (2018). El paisaje en perspectiva histórica. Formación y transformación del paisaje en el mundo mediterráneo. Zaragoza: Prensas Universitarias de Zaragoza e Institución Fernando el Católico.
- Pereira, G. e Portela, E. (eds.) (2015). El territorio en la historia de Galicia. Organización y control. Siglos I-XXI. Santiago de Compostela: Servizos de Publicacións e Intercambio Científico. Interesan especialmente, en relación con este texto, os dous últimos artigos, da autoría de Pegerto Saavedra e de Lourenzo Fernández Prieto.
- Ver, por exemplo, Altieri, M. (1999). Agroecología. Bases científicas para una agricultura sustentable. Montevideo: Editorial Nordan-Comunidad.
- A noción do monte como soporte do sistema agrario, en relación co seu papel esencial para a fertilización da terra e a alimentación do gando, foi en orixe formulada por Bouhier, A. (1979). La Galice: essai geographique d’analyse et d’interpretation d’un vieux complexe agraire. Poitiers: Université de Poitiers; e posteriormente por outros autores como Balboa, X. (1990). O monte en Galicia. Vigo: Xerais; así como revisada por Soto Fernández, D. (2006). Historia dunha agricultura sustentábel: transformacións produtivas na agricultura galega contemporánea. Santiago de Compostela: Consellería de Medio Rural, que defende a caracterización do monte como motor do sistema agrario, en lugar de soporte.
- As comunidades labregas puxeron en práctica un extenso abano de accións para evitar a forestación dos seus montes, que foron variando tamén en función da conxuntura política. No caso do Barbanza, durante os anos da II República a prensa dá conta das problemáticas xeradas polo proxecto, o que fica patente, por exemplo, no incendio da casa forestal construída pola Deputación (La Voz de Galicia, 28.06.1934) ou nos frecuentes lumes rexistrados nas áreas recén repoboadas (El Compostelano, 26.09.1935).
Arquivo Municipal de Dodro, caixa 322.